HomePontevedraBaixo MiñoTomiño revalida a súa coroa como concello sostible con catro Flores de...

Tomiño revalida a súa coroa como concello sostible con catro Flores de Honra

- Anuncio -spot_img

Por terceiro ano consecutivo, o Concello recibiu o máximo galardón do programa Vilas en Flor, destacando a súa planificación sustentable, os seus espazos públicos integradores e proxectos medioambientais innovadores

Tomiño consolídase como referente en sustentabilidade e calidade de vida. Por terceiro ano consecutivo, o Concello foi galardoado na gala celebrada en Carballo con 4 flores de honra, o máximo recoñecemento do programa Vilas en Flor, unha distinción que evidencia o compromiso do municipio coa creación de espazos verdes de calidade, a mobilidade peonil e a integración do patrimonio nunha xestión sostible que tamén favorece a cohesión social e o desenvolvemento económico local.

O programa Vilas en Flor, promovido pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), avalía a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes, e neste ano destacou en Tomiño proxectos que combinan innovación, natureza e calidade de vida.

Durante a xornada de avaliación, o xurado percorreu dous puntos clave da transformación urbana: o Espazo Isaura Gómez, edificio multiusos deseñado con criterios de eficiencia e sostibilidade, e a Praza de Estás, recentemente reformada para recuperar espazos de encontro accesibles, seguros e integradores, con arborado estratéxico, elementos patrimoniais e deseño pensado para a mobilidade peonil.

Ademais, o xurado valorou moi positivamente outras accións innovadoras do último ano, como o uso de ovellas para controlar flora invasora na Rede Natura 2000, as campañas de protección de andoriñas, en colaboración con ANABAM, a recuperación de espazos etnográficos a través do Obradoiro de Emprego ‘O noso patrimonio’ ou a entrega de máis de 1.300 árbores autóctonas para repoboación de franxas secundarias, entre outras.

A alcaldesa, Sandra González, destacou que “para nós é un orgullo ver que da froitos todo o traballo feito ata o de agora para recuperar espazos e dar vida ás rúas do noso municipio. Fainos moitísima ilusión renovar un ano máis este recoñecemento, que é un eixo máis na visibilización da nosa folla de ruta: a recuperación do espazo público para as persoas, a conservación do noso patrimonio natural e cultural e a promoción da educación ambiental, compromisos fundamentais do Concello para deixar un Tomiño mellor ás futuras xeracións”.

Con esta distinción, Tomiño reafírmase como un concello comprometido coa sostibilidade, a calidade ambiental e a mellora continua dos espazos públicos, integrando tradición, innovación e natureza no corazón da comunidade.

Publicacións Relacionadas