O Concello de Oia leva á Semana Cultural de Pedornes un concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona a través do programa +Música
O Concello de Oia, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Asociación cultural “San Mamed”, organiza este sábado 14 de novembro un concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona dentro do programa provincial +Música, unha iniciativa destinada a apoiar a programación cultural profesional en galego nos concellos da provincia.
A actuación terá lugar ás 20.15 horas no Centro Cultural de Pedornes e encádrase na programación da Semana Cultural de Pedornes, servindo ademais como antesala do tradicional magosto que se celebrará posteriormente na parroquia.
Uxía Lambona e a Banda Molona é unha das formacións infantís e familiares máis recoñecidas de Galicia. O grupo ofrece un espectáculo participativo e cheo de enerxía no que revisita cancións tradicionais galegas e temas propios a ritmo de ska, rock, reggae ou rap, convidando ao público de todas as idades a cantar, bailar e gozar da música en galego.
O Concello anima ás familias a participar nesta xornada festiva, que combinará música, cultura e tradición nun dos actos centrais da Semana Cultural de Pedornes.
Restricións de tráfico
Con motivo da celebración do tradicional magosto de Pedornes, o acceso ao centro cultural verá restrinxido o tráfico entre as 18.00 e as 00.00 horas aproximadamente para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento dos actos festivos.
En concreto, habilitaranse cortes de circulación no cruzamento do Camiño de Pedornes co Camiño da Castiñeira e tamén no cruzamento do Camiño de Pedornes co Camiño da Igrexa.
O Concello de Oia agradece de antemán a comprensión e colaboración, recomendando seguir a sinalización provisional habilitada e as indicacións da organización.

