Nidia Arévalo reúne no Pazo de Mos ao novo equipo directivo do PP local para iniciar o traballo cara ás próximas eleccións municipais

Redacción

O encontro serviu para establecer as liñas estratéxicas de funcionamento interno, coordinación territorial e elaboración do futuro programa electoral

A nova presidenta do Partido Popular de Mos, Nidia Arévalo, mantivo este venres no Pazo de Mos a primeira reunión conxunta de todos os cargos orgánicos nomeados durante o Congreso Local celebrado a pasada fin de semana, nun encontro de coordinación e planificación co obxectivo de poñer en marcha a estrutura de traballo do partido de cara ás próximas eleccións municipais, onde o obxectivo é acadar a súa quinta maioría absoluta.

A reunión serviu para iniciar oficialmente unha nova etapa organizativa dentro do PP de Mos trala elección de Nidia Arévalo como presidenta local da formación, así como para establecer as liñas estratéxicas de funcionamento interno, coordinación territorial e elaboración do futuro programa electoral.

Durante o encontro quedaron definidas as responsabilidades do novo organigrama do partido, que contará con Camilo Augusto como secretario xeral da organización e cun equipo de vicesecretarios repartidos por distintas áreas de traballo.

Así, Alejandro Pérez asumirá a área de Comunicación e Estratexia Electoral; Ana Cabaleiro estará á fronte de Igualdade e Violencia de Xénero; Jaime Rodríguez coordinará Mobilidade; Francisco Campo responsabilizarase de Urbanismo e Infraestruturas; Verónica Costas liderará Participación Cidadá; Jaime Loureiro asumirá Mocidade e Novas Xeracións; Arancha Mañas coordinará Economía e Sustentabilidade; Ignacio Alonso estará á fronte de Educación e Novas Tecnoloxías; Serafín Castro asumirá Cultura e Festas; e Óscar Pereiro coordinará Deportes e Actividades Lúdicas.

A este equipo súmanse tamén os concelleiros do goberno actual, Novas Xeracións e os coordinadores das dez parroquias do municipio cos seus respectivos grupos de traballo. O encontro reuniu 90 persoas dos 140 integrantes que conforman o Partido Popular de Mos.

.

Segundo explicou Nidia Arévalo, esta primeira reunión serviu para “comezar a organizar os distintos grupos de traballo e activar unha estrutura baseada na proximidade, na participación e no contacto permanente cos veciños”. A presidenta local destacou ademais que o obxectivo do partido nesta nova etapa pasa por “seguir escoitando á xente e construír un proxecto sólido para continuar facendo avanzar Mos”.

Durante o encontro abordáronse tamén os primeiros pasos para a elaboración do programa electoral co que o PP de Mos concorrerá ás próximas eleccións municipais, así como a planificación das distintas accións políticas e sectoriais que se desenvolverán nos próximos meses.

O Partido Popular de Mos inicia así unha nova fase organizativa tralo Congreso Local, coa vista posta en reforzar a estrutura territorial da formación e consolidar un proxecto político que buscará revalidar a confianza maioritaria dos veciños do municipio.

Comparte este artigo