Correrá a cargo dos arqueólogos Soledad Prieto de Juan José Perles. Abre o ciclo Coñece o noso patrimonio organizado polo Instituto de Estudos Tudenses
Cunha visita á intervención arqueolóxica realizada na Praza do Pracer, no centro do conxunto histórico de Tui, comeza mañá martes ás 20.30 h o ciclo “Coñece o noso patrimonio” organizado polo Instituto de Estudos Tudenses coa colaboración do Concello de Tui. A visita estará a cargo dos arqueólogos responsables desta escavación Soledad Prieto Robles e Juan José Perles Fontao.
Nestas sondaxes realizadas, nos pasados meses, atopáronse muros, pavimentos, estruturas de drenaxe, unha escaleira e unha estrutura circular interpretada como pozo ou silo de almacenamento datados entre os séculos I e IV d.C. Este material confirma a ocupación romana deste espazo, e constitúe unha valiosa achega de información, até o de agora descoñecida, sobre o Tude Romano.
Estes achados foron atopados nas sondaxes arqueolóxicas do proxecto de reforma desta praza, no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, PSTD, “Vive a Historia, Descubre Tui: Conexión sostible entre patrimonio e natureza” que promove o Concello de Tui. Agora dada relevancia do descuberto procederase a unha ampliación desta intervención por parte do Concello de Tui.
Durante a visita os arqueólogos realizarán unha aproximación aos restos materiais atopados neste enclave e que resultan dunha grande relevancia para o coñecemento da evolución histórica da nosa cidade, neste caso no período da Romanización e o relevante papel que desempeñaba o Tude romano.

