– A iniciativa, única entre as áreas sanitarias galegas, combinou unha andaina desde a Ponte dos Tirantes pontevedresa para promover o exercicio físico cunha sesión sobre hábitos saudables no Hospital Provincial
– Responsables médicos e docentes acompañaron ao alumnado para reforzar a súa integración e sentido de pertenza á institución sanitaria pública
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrou hoxe na cidade do Lérez unha xornada de benvida e convivencia dirixida a un grupo de 14 alumnos de Medicina, unha proposta pioneira no entorno sanitario público galego que procurou favorecer o seu acollemento, integración e sentido de pertenza á institución sanitaria pública na que completan a súa etapa formativa.
A actividade arrancou na Ponte dos Tirantes pontevedresa cunha andaina e dinámicas ao aire libre centradas na importancia do exercicio físico como piar fundamental da saúde. A xornada completouse no salón de actos do Hospital Provincial de Pontevedra cunha conferencia sobre hábitos de vida saudables, impartida polo fisioterapeuta de Atención Primaria no centro de saúde de Tenorio, Guillermo Bilbao, e pechouse cun refrixerio saudable de confraternidade.
O grupo de 14 alumnos de Medicina estivo acompañado ao longo desta xornada de benvida e convivencia por un equipo docente e de responsabilidade médica integrado pola coordinadora de alumnos da Universidade de Santiago de Compostela, a doutora Begoña Graña, así coma polo xefe de estudos e presidente da Comisión de Docencia de Atención Hospitalaria da Área Sanitaria, o doutor Luís Anibarro, pola responsable de Formación Continuada dos Facultativos do CHUP, a doutora Rosa Conde, polo fisioterapeuta de Atención Primaria no centro de saúde de Tenorio, Guillermo Bilbao e polo administrativo de formación continuada Guillermo Pardo.
Benestar e proximidade co novo alumnado
Coa celebración desta xornada de benvida e convivencia, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés refrenda o seu compromiso co benestar e a proximidade co novo alumnado en formación, postulándose coma a única área sanitaria que desenvolve actividades deste tipo para afianzar o vínculo cos seus futuros profesionais.

