― Entre as cuestións e retos a atender están a flexibilidade da formación, a prevención de riscos laborais, o absentismo e a igualdade laboral, no ámbito do emprego, así como a industria e enerxía, o naval e a automoción, no eido da economía e industria
― O titular de Emprego salientou a importancia do Diálogo Social e de reforzar a súa transversalidade para acadar consensos
― Puxo de relevo o traballo do Goberno galego da man das empresas para a cobertura de vacantes co que se busca atraer novo talento con formación máis flexible e de curta duración para axustar a oferta á demanda
― En canto á posible rebaixa da xornada laboral, sinalou que se seguirán intercambiando impresións con patronal e sindicatos para enriquecer entre todos o estudo no que se está a traballar para avaliar os posibles impactos desta medida na economía galega
― Fixo fincapé na importancia da colaboración público-privada para enfrontar desafíos como o absentismo que demandan actuacións coordinadas para seguir favorecendo a competitividade das empresas galegas e o emprego de calidade
A Xunta aposta por adaptar o traballo dos grupos do Diálogo Social ás novas realidades do mercado laboral para atender a cuestións fundamentais e retos como as políticas activas de emprego e a flexibilidade da formación, a prevención de riscos laborais, o absentismo e a igualdade laboral, no ámbito do emprego, así como industria e enerxía, o naval e a automoción, no eido da economía e industria.
Así o sinalou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, en declaracións previas á reunión mantida hoxe co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites; co secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores (UXT), José Antonio Gómez, e coa secretaria xeral de Comisións Obreiras Galicia (CCOO), Amelia Pérez.
Na xuntanza, na que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho; polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e polo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, abordaron esta estrutura de traballo e nela o titular de Emprego salientou a importancia do Diálogo Social e de reforzar a súa transversalidade para acadar consensos e solucións conxuntas ás cuestións de interese e inquedanzas do tecido laboral galego. Unha mostra desta intención é a invitación á Confederación Intersindical Galega -CIG- a formar parte deste espazo e que foi rexeitada.
No campo das políticas activas de emprego e a flexibilidade na formación, José González, destacou o traballo do Goberno galego da man das empresas para a cobertura de vacantes. A finalidade, expuxo, é atraer novo talento con formación máis flexible para axustar a oferta á demanda e puxo como exemplo o impulso as microformacións con accións como os convenios cos clústeres que se van reforzar para a reciclaxe profesional e a adquisición de novas habilidades e competencias.
Isto, engadiu, é grazas aos 7 millóns de euros adicionais que Galicia recibiu por ser a comunidade autónoma con mellor nivel de execución nos fondos de formación para o emprego e a única que solicitou a ampliación de crédito para este fin ao tempo que desde o Executivo galego se lle insistiu ao Goberno central en que flexibilice os criterios de reparto de fondos. Tamén se lle solicitou que teña en conta as particularidades das Comunidades Autónomas, máxime cando son as que teñen as competencias exclusivas nas políticas activas de emprego.
Xornada laboral e absentismo
Outras cuestións que se seguirán abordando no marco do Diálogo Social son a redución da xornada laboral e o absentismo. En relación co primeiro asunto, José González sinalou que se seguirán intercambiando impresións con patronal e sindicatos para enriquecer entre todos o estudo no que se está a traballar para examinar, sector por sector, os posibles impactos da rebaixa da xornada laboral na economía galega. Con esa análise en proceso, explicou, buscamos examinar as consecuencias na produtividade e argumentos co fin principal de protexer a empresas e traballadores.
En canto ao absentismo laboral, o conselleiro lembrou que é fundamental a colaboración público-privada para abordalo e o diálogo continuo cos axentes implicados. Nesta liña, sinalou que para a Xunta é unha prioridade combatelo impulsando a saúde e o benestar dos traballadores -a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Issga- e colaborando coa Inspección de Traballo e outras administracións para detectar posibles casos fraudulentos nas baixas por enfermidade. Ademais, o Consello Galego de Relacións Laborais fai seguimento do control do absentismo na negociación colectiva.

