- O obxectivo da reunión de hoxe coas ETT é que coñezan as potencialidades deste software pioneiro, recoñecido pola Comisión Europea e dispoñible nas 54 oficinas de emprego galegas para casar oferta e demanda laboral co apoio da IA
- O conselleiro salientou a utilidade desta ferramenta para as empresas e as persoas traballadoras pois contribúe a atender a demanda de man de obra ao tempo que favorece a competitividade empresarial e a xeración de emprego de calidade
- No 2025 o Executivo autonómico seguirá dando pulo a EMi con novas medidas, entre elas a app móbil para que as persoas poidan autoavaliar as súas competencias profesionais, e as obras de mellora das oficinas de emprego
- O obxectivo é seguir favorecendo o dinamismo do mercado laboral galego, que pechou o mes de novembro coa cifra de afiliados -1.081.121- máis alta nun mes de novembro dende 2007, cun incremento interanual de 17.555 cotizantes
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo hoxe unha reunión coas empresas de traballo temporal máis representativas de Galicia para presentar a ferramenta EMi, que está dispoñible nas 54 oficinas de emprego galegas e casa oferta e demanda laboral co apoio da intelixencia artificial. Neste contexto, o titular de Emprego defendeu a necesidade da colaboración público-privada para seguir avanzando e converter o Servizo Público de Emprego no gran nodo de empregabilidade de Galicia.
O obxectivo deste encontro, subliñou, é que estas empresas coñezan as potencialidades de EMi, un software pioneiro, recoñecido pola Comisión Europea no marco dos Premios aos mellores casos do Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público. Nesta liña, expuxo que EMi é de grande utilidade para as empresas e as persoas traballadoras pois contribúe a atender a demanda de man de obra e, de xeito paralelo, favorece a competitividade do tecido empresarial e a xeración de emprego de calidade. De feito, con esta ferramenta, Galicia prevé realizar o perfilado competencial de máis de 70.000 persoas nun ano.
Neste sentido, José González salientou o papel das empresas de traballo temporal na selección de talento segundo as realidades dos distintos sectores. De aí, a importancia de avanzar con todos os axentes implicados para potenciar a eficacia das políticas activas de emprego, unha cuestión, subliñou, na que é necesaria a colaboración do Goberno central.
Difusión de boas prácticas
De feito, esta xuntanza súmase á realizada en xullo co Executivo estatal e á de outubro con responsables de formación para o emprego de distintas comunidades autónomas, así como á celebrada recentemente en Madrid con distintos representantes autonómicos desa comunidade e de distintos sectores para darlle a coñecer as potencialidades de EMi. Trátase de encontros, salientou o conselleiro, que se enmarcan na vontade de Galicia de difundir as boas prácticas e accións que desenvolve o Goberno galego para potenciar a empregabilidade da cidadanía e a competitividade do tecido produtivo da comunidade.
Nesta liña, a Xunta seguirá dando pulo ao software EMi no 2025 desenvolvendo novas medidas cun investimento de 1 millón de euros, entre elas unha aplicación móbil para que as persoas poidan autoavaliar as súas competencias profesionais. Ademais, avanzarase nas obras de mellora na rede de oficinas de emprego cun investimento de 1,6 millóns de euros o ano que vén e reforzarase o programa de seguimento intensivo da demanda de emprego para garantir que nas listas figuren exclusivamente as persoas que realmente queren traballar, a través dun acordo de actividade que se introducirá nos vindeiros días.
Favorecer o dinamismo do mercado laboral galego
O obxectivo da estratexia da Xunta é seguir favorecendo o dinamismo do mercado laboral galego, que pechou novembro coa mellor cifra de afiliados á Seguridade Social neste mes dende 2007, 1.081.121 cotizantes, cun incremento interanual de 17.555 afiliados. Pola súa banda, a cifra de desempregados, 121.742, é a máis baixa neste mes dende 1996, cunha baixada interanual do 7,19% -1,75% por riba da media estatal-.