A Xunta construirá unha nova depuradora en Burela cun investimento total de preto de 9 millóns de euros

Redacción
Lectura mínima de 6
  • Ángeles Vázquez salienta que a previsión é licitar as obras este verán e inicialas a comezos de 2027 para contar cunha depuradora máis eficiente que a actual, cunha capacidade de depuración un 50% superior e preparada para atender unha poboación de algo máis de 13.000 habitantes equivalentes
  • Os traballos permitirán cumprir cos obxectivos e estándares que fixa a directiva europea sobre o tratamento das augas residuais, adaptándose así ás maiores exixencias que implica malia que non foi trasposta ao ordenamento xurídico español
  • Esta actuación consiste na fase II do proxecto de mellora do sistema de saneamento do municipio e dá continuidade á renovación dos colectores do municipio -que está en marcha- cun investimento de 5 millóns de euros
  • A conselleira pon en valor que Augas de Galicia está a investir máis de 13 millóns de euros en Burela e que no conxunto da Mariña lucense a cifra rolda os 40 millóns de euros con outras intervencións importantes en concellos como Ribadeo ou Foz

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Burela, Carmen López, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a mellora do sistema de saneamento do concello lucense mediante a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), unha actuación que contará cun investimento total de preto de 9 millóns de euros.

A responsable autonómica explicou que o convenio, que terá vixencia ata decembro de 2030, establece que a Xunta se encargará de contratar a execución das obras. Mentres, o Concello xestionará e aboará os custos derivados da obtención dos permisos, licenzas e autorizacións ao tempo que entregará os terreos necesarios para o desenvolvemento dos traballos, para o que contará con Portos de Galicia como colaborador imprescindible ao executarse en terreos da entidade portuaria autonómica.

A previsión é licitar as obras este verán e inicialas en 2027 para contar cunha depuradora máis eficiente que a actual, cunha capacidade de depuración un 50% superior e apta para atender unha poboación de máis de 13.000 habitantes equivalentes.

A maiores, a EDAR contará con tratamento secundario, inexistente na actual, aumentando a depuración e desinfección das augas recibidas, co que tamén mellorará a calidade das augas resultantes antes de devolvelas ao medio. De feito, os traballos -que contan con cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)- permitirán cumprir cos obxectivos e estándares da directiva europea sobre o tratamento das augas residuais, malia que aínda non foi trasposta ao ordenamento xurídico español.

Esta actuación correspóndese coa fase II do proxecto de mellora do sistema de saneamento de Burela, que se engade á fase I -xa en execución- de construción de novos colectores no municipio, cun investimento de arredor de 5 millóns de euros. De feito, a conselleira lembrou que os traballos neste caso xa están executados ao 50% e a previsión é rematalos no segundo semestre deste ano.

Neste caso, a fase I estase a desenvolver ao abeiro dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia, Portos de Galicia e o Concello de Burela e prevé a renovación dunha parte importante da rede de colectores e conducións e inclúe a execución dunha Estación de Tratamento e Bombeo de Augas Residuais (Etbar) na zona portuaria, que recollerá as augas residuais do concello para posteriormente impulsalas á depuradora.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, detallou que se van instalar preto de 2,4 quilómetros de colectores e que a Etbar non é só unha impulsión senón que realiza un tratamento previo, de desbaste dos grosos, das augas residuais.

Neste sentido, a fase dos colectores é totalmente independente da da EDAR pois co remate da primeira parte xa se conseguirá unha mellora no saneamento de Burela posto que xa se eliminarán filtracións e a rede terá maior capacidade porque o diámetro das conducións é maior. Ademais, as augas de eventuais vertidos por alivios da rede terían menor carga contaminante grazas a ese tratamento previo que agora non existe.

Polo tanto, o investimento en marcha e previsto en Burela supera os 13 millóns de euros. Non obstante, a conselleira destacou que a cifra é moito máis importante se temos en conta todos os municipios da Mariña lucense -como Foz ou Ribadeo-, onde Augas de Galicia ten en marcha ou proxectadas outras obras de envergadura que suman un importe global de máis de 40 millóns de euros.

Comparte este artigo