- Diego Calvo lamentou a falta de participación dos partidos da oposición nas diferentes canles e mecanismos impulsados polo Goberno galego durante a redacción do borrador do anteproxecto
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordou no Parlamento a nova Lei de Administración Local de Galicia, na que está a traballar a Xunta e que iniciará a súa tramitación parlamentaria o vindeiro ano co obxectivo de que estea aprobada nesta lexislatura. Na súa intervención, Diego Calvo destacou o importante proceso participativo promovido pola Xunta para a elaboración da nova norma, ao tempo que lamentou a falta de participación dos partidos da oposición durante o proceso, e que agora precisamente critican.
Neste marco de acción referiuse á realización de enquisas ás entidades locais e á cidadanía en xeral, á elaboración de estudos e informes sobre cada unha das problemáticas a tratar e a análise en diferentes foros e congresos cunha ampla participación de académicos, expertos e profesionais no eido local, entre outras iniciativas abertas á partipación.
A nova lei reforzará o autogoberno municipal, clarificará competencias, abordará un novo sistema de financiamento no marco das competencias autonómicas e impulsará a cooperación entre concellos, entre outras medidas de apoio ao eido local.
Nesta liña, un dos principais obxectivos é mellorar a suficiencia financeira dos concellos a través do Fondo de Cooperación Local, unha achega que non deixou de medrar nos últimos anos. Así, o importe para 2026, que alcanza os 187 millóns de euros, supón un incremento do 12% con respecto a este ano.



