A Xunta destina 1,6 M€ á modernización do radar meteorolóxico de Cuntis para reforzar a calidade da predición e anticiparse mellor a fenómenos adversos

Redacción
  • Ángeles Vázquez sinala que este investimento situará estas instalacións á vangarda tecnolóxica de España xa que dotará a Galicia dun sistema máis moderno, estable, eficiente e fiable que o actual
  • Esta renovación tecnolóxica suporá un salto cualitativo para a Rede de Observación Meteorolóxica coa que conta MeteoGalicia, que, ademais deste radar, está composta por 160 estacións meteorolóxicas e catro sensores de detección de raios
  • A conselleira fai fincapé na importancia de investir en coñecemento porque mellorar a calidade e a fiabilidade da información meteorolóxica significa mellorar a capacidade de protexer persoas e bens

A Xunta de Galicia destina 1,6 millóns de euros na modernización do radar meteorolóxico de Cuntis co obxectivo de reforzar a calidade e fiabilidade da predición e de reforzar a capacidade de anticipación ante fenómenos adversos.

Segundo dixo a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou a estas instalacións, este investimento situará este radar á “vangarda tecnolóxica” de España xa que o dotará dun sistema “máis moderno, estable, eficiente e fiable que o actual”.

De feito, tras esta actualización, o radar aliñarase coas tecnoloxías adoptadas polos principais servizos meteorolóxicos do mundo, facilitando así a interoperabilidade, o intercambio de datos e a integración en redes e proxectos de ámbito europeo, ademais de cumprir cos criterios actuais de eficiencia enerxética e sostibilidade.

En concreto, o procedemento consistirá na migración do sistema actual, un radar de banda C baseado en tecnoloxía de magnetrón (moi dependente de elementos cuxa fabricación cada vez é máis limitada), a unha solución de transmisión de estado sólido (máis eficiente e estable, aliñada cos estándares tecnolóxicos actuais). Polo tanto, renovaranse os subsistemas críticos do radar e dos seus elementos asociados, así como os servizos técnicos necesarios para a súa integración, configuración e posterior posta en marcha. Cómpre indicar que durante todo o proceso de renovación garantirase a operatividade do radar e unha transición ordenada ao novo sistema.

Esta renovación tecnolóxica suporá un salto cualitativo para a Rede de Observación Meteorolóxica coa que conta MeteoGalicia, que, ademais deste radar, está composta por 160 estacións meteorolóxicas e catro sensores de detección de raios.

Nese senso, a conselleira fixo fincapé na importancia de investir en coñecemento porque mellorar a calidade e a fiabilidade da información meteorolóxica significa mellorar a capacidade de protexer persoas e bens.

A mellora da capacidade de MeteoGalicia para detectar e seguir a evolución dos fenómenos meteorolóxicos adversos permitirá reforzar a capacidade de anticipación e resposta das administracións ante situacións de risco. A modo de exemplo, a conselleira sinalou que se mellorará a resposta especialmente en caso de choiva intensa, tormentas, graínzo ou situacións de risco que requiran información en tempo real, fiable e sen interrupcións, xa que outra das vantaxes da renovación tecnolóxica do sistema é que diminuirá o risco de paradas non planificadas.

Comparte este artigo