- A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, resaltou medidas do Goberno galego como o Bono Coidado no Fogar e o Programa de Respiro Familiar
- Valorou o labor de Aspace, coa que o Executivo autonómico colabora a través da financiación de prazas nos seus centros e de achegas para as súas actividades
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou hoxe na Casa da Luz no acto institucional polo Día Mundial da Parálise Cerebral organizado pola Asociación Aspace. Alí reafirmou o compromiso da Xunta co apoio os coidadores das persoas con discapacidade.
O mellor regalo é coidar sen renunciar é o lema da campaña deste ano do Día Mundial da Parálise Cerebral, centrada nas familias das persoas afectadas por esta doenza. O Goberno galego comparte a necesidade de atender os familiares que sostén os coidados e con esa idea, lembrou Begoña Abeijón, impulsa medidas como o Bono Coidado no Fogar, dotado con ata 5.000 euros o ano, e o Programa de Respiro Familiar, que ofrece axudas económicas para facilitar o descanso e a conciliación das persoas coidadoras non profesionais.
A directora xeral valorou tamén o labor de entidades como Aspace, que leva máis de 40 anos traballando para mellorar o día a días das persoas con parálise cerebral e das súas familias e coa que a Xunta mantén unha estreita colaboración. O Executivo autonómico financia máis dun centenar de prazas nos centros de día e residencias da asociación e apoia economicamente diferentes programas e actividades que desenvolve a través da convocatoria de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF.

