A Xunta salienta que por primeira vez o Tribunal Superior de Xustiza avala a tramitación dos proxectos eólicos realizada nos últimos anos en Galicia

Redacción
  • Ángeles Vázquez salienta que a última sentenza do Alto Tribunal galego non só aplica a mesma doutrina que o Supremo e a Xustiza europea senón que analiza a fondo toda a documentación e os informes das avaliacións ambientais dos proxectos, concluíndo que non existe ningunha proba que poña en dúbida a súa validez ou suficiencia
  • Anuncia que hoxe mesmo se coñeceron outros dous fallos favorables do TSXG relacionados con eólicos nos que tamén lle dá a razón ao Goberno autonómico
  • A responsable autonómica salienta a urxencia de desbloquear a actual situación para avanzar no obxectivo da neutralidade climática no horizonte de 2040 porque “cada ano” que pasa “é unha batalla perdida contra o cambio climático”

A Xunta celebra a última sentenza da sección 2ª do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en relación ao parque eólico de Bustelo ao considerar que, por primeira vez, este órgano avala a tramitación ambiental deste tipo de proxectos que realizou na Comunidade ao longo dos últimos anos.

Así o salientou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que se reuniu esta mañá con representantes da Asociación Eólica de Galicia (EGA) para analizar precisamente a situación actual do sector na Comunidade e as repercusións desta última resolución xudicial sobre o seu futuro desenvolvemento.

Tras analizar o contido da sentenza, coñecida a semana pasada, a responsable autonómica incidiu en que a súa importancia radica non só no feito de que ratifique a legalidade ambiental do parque senón no propio fondo.

Neste sentido, explicou que o Alto Tribunal galego non se limita a aplicar a doutrina que xa quedara establecida polo Supremo e a propia Xustiza europea e que avala a tramitación fragmentada dos proxectos, senón que analiza tamén en profundidade e con detalle toda a documentación e os informes achegados no marco da avaliación ambiental do proxecto, concluíndo que non existe ningunha proba que poña en dúbida a súa validez ou suficiencia.

De feito, na mesma liña adiantou que hoxe mesmo se coñeceron outras dúas sentenzas favorables do TSXG (neste caso, por parte da Sección Terceira) que lle dan tamén a razón á Xunta en relación a outros dous parques paralizados.

Polo exposto, Ángeles Vázquez e os representantes de EGA celebraron que estas últimas decisións xudiciais poidan marcar un cambio de tendencia para o sector en Galicia e coincidiron na necesidade urxente de desbloquear a actual situación para avanzar cara á neutralidade climática, un obxectivo que a Xunta fixou por lei no horizonte de 2040.

“Cada ano que perdemos neste bloqueo é un ano e unha batalla perdicontra o cambio climático”, resumiu a conselleira, que lembrou que o Goberno galego aplica na tramitación deste tipo de proxectos o criterio do interese público superior recoñecido pola UE no caso das enerxías renovables, como elemento clave para poder avanzar nos retos de descarbonización comunitarios.

Cómpre lembrar que a potencia eólica asociada aos 87 proxectos de novos parques eólicos actualmente paralizados é de 2.363 MW, o que evitaría a emisión á atmosfera de 2,5 millóns de toneladas de CO2 e condiciona, polo tanto, a capacidade da Comunidade para cumprir en tempo e forma os seus propios obxectivos climáticos.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que ademais de desbloquear a implantación de novos proxectos eólicos en Galicia, tamén é importante a repotenciación daqueles parques xa operativos e que buscan mellorar a súa eficiencia coa redución do número de aeroxeradores e a súa substitución por outros máis avanzados tecnoloxicamente. En concreto, indicou que a día de hoxe están autorizadas 9 repotenciacións, 5 delas xa en obras, e que o seu departamento tramita outras 10 solicitudes voluntarias.

Comparte este artigo