— Ángeles Vázquez explica que as entidades locais poden optar a axudas por importe máximo de 40.000 € e os propietarios particulares, a incentivos de ata 3.000 €
— Anima a concellos e cidadanía a aproveitar a quinta convocatoria destas subvencións para contribuír a estender a aposta polo ‘fermosismo’ a todos os municipios galegos
As axudas da Xunta para a corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos e a cidadáns particulares publicaranse no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 9 de xaneiro e o prazo de presentación das solicitudes abrirase a partir do día 20 co fin de que os interesados poidan dispoñer duns días para analizar a convocatoria e recompilar toda a documentación requirida.
Así o avanzou esta mañá en Boimorto a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen visitou a vivenda de dous veciños da localidade beneficiarios en 2024 destas subvencións para realizar obras nas súas respectivas fachadas e se achegou tamén ata o Centro de Maiores, un edificio no que o Concello realizou unha intervención exterior financiada en parte con outra destas axudas.
Acompañada pola rexedora municipal, María Jesús Novo, e polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, a responsable galega salientou que en Boimorto se concederon este ano sete subvencións para intervir en propiedades privadas, o que o converte nun dos municipios da provincia da Coruña no que máis particulares se beneficiaron da convocatoria de 2024.
Tamén o concello coruñés recibiu desde a primeira edición do programa axudas por un importe global de 76.400 euros, contías que destinou a mellorar o aspecto da fachada da Casa Consistorial —no ano 2021— e da residencia e Centro de día —2022 e 2023—, ademais da intervención xa mencionada no Centro de Maiores.
Neste sentido, a responsable autonómica animou tanto aos concellos de menos de 20.000 habitantes como á cidadanía galega en xeral a aproveitar a nova convocatoria das dúas liñas de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos que se convocarán en xaneiro, dotadas dun orzamento de 2 millóns de euros (1 millón para concellos de menos de 20.000 habitantes e 1 millón para cidadáns particulares).
En concreto, os propietarios poderán recibir ata 3.000 euros para mellorar o aspecto de vivendas e doutras construcións —como muros de peche, por exemplo— mentres que as entidades locais terán á súa disposición un máximo de 40.000 euros (20.000 euros por cada liña) para actuar en edificios e dependencias municipais —liña 1— ou en construcións, equipamentos públicos e bens do patrimonio etnográfico local —liña 2— que polo seu aspecto ou deterioro provoquen unha distorsión na contorna.
As contías máximas previstas en ambas ordes de axudas permitirán cubrir ata o 70% do investimento subvencionable de forma que os cidadáns e os concellos beneficiarios terán que completar para chegar ao 100%, polo que, na práctica, se mobilizarán preto de 2,9 millóns de euros grazas á concesión destes incentivos.
Ademais, no caso das entidades locais poderán solicitar o cobro dun anticipo do 70% da axuda. Esta medida facilitaralles liquidez para a contratación do inicio e da execución das actuacións xa que no propio momento da resolución da subvención lles será aprobado o anticipo.
Balance 2021-2024
Ángeles Vázquez explicou que grazas aos 2 millóns de euros cos que estarán dotadas inicialmente ambas liñas de incentivos se poderá axudar o ano que vén a medio cento de municipios e a case 400 cidadáns a mellorar a imaxe dos seus inmobles.
Por último, a conselleira animou tanto ás entidades locais como á cidadanía a seguir aproveitando un ano máis a quinta convocatoria das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos para levar a aposta da Xunta polo fermosismo a todos os municipios da comunidade.
Neste sentido, lembrou que no período 2021-2024 o Goberno autonómico xa apoiou ata o momento a través destas subvencións a execución de 2.425 obras e actuacións nun total de 283 concellos, o que representa case o 91% de todos os de Galicia.