Lete destaca o crevemento do taekwondo galego que tamén se beneficiará da conversión doO CGTD nun Centro Integrado de Tecnificación e alto redemento

adminON
Lectura mínima de 3

_Destaca o incremento do número de deportistas galegos de alto nivel que fai que a de taekwondo sexa a quinta federación con maior número (83) despois de piragüismo, atletismo, salvamento e socorrismo e fútbol

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Open Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo organizado polo club Mace Sport e a Federación Galega de Taekwondo coa colaboración da Xunta de Galicia e que terá lugar os vindeiros 1, 2 e 3 de novembro no Pavillón Municipal de Pontevedra. Alí, o mandatario galego destacou o crecemento exponencial do taekwondo galego nos últimos anos que, con 13 deportistas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, será un dos deportes beneficiados da ampliación do centro en Cernadiñas Novas para a posterior conversión nun centro integrado de tecnificación e alto rendemento, segundo anunciou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a semana pasada no Parlamento de Galicia.
Lete Lasa sinalou algunhas cifras que falan deste crecemento do taekwondo galego como o recoñecemento do Núcelo de Adestramento Deportivo Especializado do Natural Sport Videlgi, que vén de inaugurar as súas instalacións en Ribeira; o incremento do número de deportistas galegos de alto nivel que fai que a de taekwondo sexa a quinta federación con maior número (83) despois de piragüismo, atletismo, salvamento e socorrismo e fútbol; ou o crecemento das licenzas, pasando de 4.500 en 2009 a máis de 7.500 a día de hoxe.
O secretario xeral subliñou a importancia dun torneo como o Open Internacional Cidade de Pontevedra que tamén contribuíu ao crecemento do taekwondo galego nestes últimos anos traendo a Galicia aos mellores medallistas internacionais. Nesta ocasión serán ao redor de 1.500 competidores que participarán nas modalidades de combate e pumses para converter a Pontevedra, de novo, na capital mundial do deporte e, en particular, do taekwondo.
Nas súas verbas, Lete Lasa quixo lembrar á figura de Pablo Hinójar, adestrador de ximnasia do CGTD falecido esta fin de semana ao que definiu como “unha persoa esencial no deporte galego, na tecnificación e, por suposto na ximnasia” que dedicou a súa vida ao deporte e que, xunto a Melania Rodríguez, acadou os maiores éxitos da ximnasia galega como a tripla coroa -Europeo, Mundial e Xogos Mundiais- en dobre mini tramp.

Comparte este artigo