Román Rodríguez destaca Edugal como unha das citas máis consolidadas para orientar ao alumnado no seu futuro académico e profesional

Redacción
  • A feira forma parte do catálogo de 16 eventos educativos que a Xunta apoia por toda a comunidade baixo o nome de Galicia Educa
  • O conselleiro salienta a utilidade destes eventos para fortalecer a conexión entre os centros e o tecido produtivo e que a formación responda aos retos actuais e futuros
  • A edición 2026 de Edugal conta con 64 expositores, nos que a Xunta de Galicia conta cunha presenza destacada, con espazos para a FP, 16 centros educativos, un centro da Consellería do Mar e un stand da Consellería de Emprego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración do 15º Salón de educación e formación de Galicia, Edugal, que se celebra ata o venres no recinto feiral de Pontevedra. O titular do departamento educativo da Xunta felicitou á organización polo encontro, destacándoo “como unha das citas máis consolidadas de Galicia Educa”, o calendario de feiras impulsado pola Xunta para dar a coñecer a oferta de titulacións na comunidade, ofrecer orientación ao alumnado e poñer en valor os proxectos innovadores dos centros de ensino.

“É fundamental fortalecer a conexión entre os centros educativos e o tecido empresarial e produtivo, para que a formación responda aos retos do presente e do futuro e para que os mozos poidan construír o seu proxecto profesional con confianza”, salientou Román Rodríguez, facendo fincapé na utilidade destes eventos.

“Feiras como Edugal permiten achegar a educación á realidade do alumnado, amosar a calidade e diversidade da formación que ofrecemos en Galicia e axudar os mozos a descubrir as oportunidades que mellor se adaptan aos seus intereses e capacidades”, sinalou o titular de Educación.

Cómpre lembrar que o calendario Galicia Educa está conformado por 16 feiras distribuídas por toda Galicia durante este ano, cun enfoque territorial que facilita que o alumnado de distintas zonas poida acceder a información e recursos para decidir o seu futuro académico e profesional.

A inauguración, á que tamén asistiron ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; a directora xeral de FP, Eugenia Pérez; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez; e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Zeltia Lado; completouse cunha actuación do Conservatorio de Música Manuel Quiroga, da cidade do Lérez.

Espazo expositivo de FP

Tras a inauguración, o conselleiro achegouse ao espazo expositivo de FP na feira, onde o alumnado e público visitante pode coñecer a oferta destas ensinanzas en Galicia, as súas saídas profesionais, as oportunidades de especialización e acceder a asesoramento e orientación especializada. Así mesmo, amósanse diferentes actividades a través das que os estudantes poden achegarse ás competencias que se adquiren nos ciclos e másteres da Formación Profesional galega.

Ademais da información vinculada directamente coa Formación Profesional, participan directamente en Edugal un total de 17 centros, en concreto os institutos Politécnico, Ricardo Mella e de Teis (ambos de Vigo), de Vilalonga (Sanxenxo) e Luís Seoane (Pontevedra); os centros integrados de FP Carlos Oroza, A Xunqueira e Montecelo (de Pontevedra); Manuel Antonio, Valentín Paz Andrade e Audiovisual (os tres de Vigo); Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa), Cantería de Galicia (Poio) e A Granxa (Ponteareas). Tamén o Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Río Lérez e a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (ambos de Pontevedra) e a Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (Vigo)

Presenza destacada da Xunta

Baixo o lema O teu futuro nas túas mans, Edugal reúne durante tres xornadas centros educativos, universidades, empresas e iniciativas emprendedoras, con encontros, obradoiros e actividades prácticas. A feira busca ofrecer aos estudantes referencias útiles para escoller o seu itinerario formativo e favorecer o contacto directo entre o talento novo e as oportunidades laborais.

A edición de 2026 conta con 64 expositores, nos que a Xunta de Galicia conta cunha presenza destacada. Ademais do espazo de FP e dos devanditos centros educativos, contan cun espazo propio o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (dependente da Consellería do Mar) e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Precisamente foi neste espazo onde a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, expuxo esta mañá as funcionalidades da aplicación móbil de EMi, a ferramenta de intelixencia artificial do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Completan a oferta de Edugal expositores de varias universidades, da Policía Nacional, das Forzas Armadas e de distintas asociacións e entidades relacionadas coa educación.

Comparte este artigo