- Pon en valor que estas novas instalacións son posibles grazas á colaboración entre administracións
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o novo auditorio de Marín exemplifica a aposta do Goberno galego por levar a cultura a todo o territorio. Así o sinalou esta tarde durante a inauguración oficial deste novo espazo cultural, no que estivo acompañado por outros membros do Executivo autonómico.
O presidente fixo especial fincapé en que este novo espazo cultural é posible grazas á colaboración entre administracións. Así, citou que para a súa posta en marcha, ademais do concello, colaborou a Xunta, achegando uns 2,7 millóns de euros (cifra que inclúe o investimento na súa construción, así como a achega para equipamento); recibiuse financiamento europeo; e a Autoridade Portuaria de Marín cedeu a parcela.
Esta instalación, sinalou Rueda, vén a responder a unha demanda da vila e suporá un impulso importante para a dinamización cultural, social e mesmo turística de Marín. Apuntou, ademais, que este espazo abre as súas portas coincidindo cun excelente momento da cultura galega, que está recibindo moitos recoñecementos, e ás portas do Xacobeo 2027, no que se vai facer unha aposta moi intensa pola programación cultural en toda Galicia.
Por último, recordou outras iniciativas nas que a Xunta está colaborando nesta vila, como o impulso do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) na zona das Raposeiras para desenvolver solo no que construír 400 vivendas, os traballos de saneamento no río Lameira, ou o reacondicionamento do CEIP do Seixo.

