- – O usuario remitiu un escrito dirixido ao persoal de Enfermaría, TCAEs e auxiliares desta área asistencial emprazada no segundo andar do Hospital Montecelo
- – Na súa mensaxe, o doente destaca a proximidade e a preocupación constante dos profesionais desta unidade do Complexo pontevedrés durante os tratamentos de dúas horas de duración
O servizo de Atención ao Paciente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibiu o pasado 1 de outubro un escrito de recoñecemento e gratitude dirixido ao equipo sanitario da Unidade da Dor do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, emprazada no segundo andar do Hospital Montecelo, pola súa calidade humana, empatía e adicación amosadas durante a atención prestada.
Na súa comunicación, o usuario fixo extensivo o seu agradecemento a todo o equipo da Unidade da Dor do Complexo formado por profesionais de Enfermaría, TCAE´s e auxiliares, facendo unha mención especial ás enfermeiras Ana e Pily.
O paciente destacou así mesmo a proximidade e a empatía recibidas en todo momento, sinalando que “a preocupación constante do persoal fai que un se sinta en casa”, e valorou especialmente “ese sorriso que contaxia e anima, cada vez que tes que pasar un proceso de dúas horas con medicación”.
Xestos con impacto positivo
No transcurso do seu escrito de recoñecemento e gratitude, o usuario quixo poñer en valor o impacto positivo que estes xestos teñen durante a asistencia sanitaria, expresando o seu desexo de que “nunca cambien, xa que xestos coma estes fan que os pacientes teñan un pouco máis de esperanza”, e concluíndo a súa mensaxe cun emotivo “grazas de todo corazón por todo”.
Desde a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ponse de manifesto o orgullo que supoñen estas mostras de afecto por parte da cidadanía, as cales revalidan o compromiso diario dos seus profesionais coa excelencia asistencial, a empatía e a humanización dos coidados da saúde.

