Villaverde reivindica o valor do mexillón en Moaña e destaca o seu impacto na economía e tradición de Galicia

Redacción

Subliñou o papel do sector na riqueza e emprego da vila, poñendo en valor a historia da miticultura local e o compromiso da Xunta cunha cadea mar-industria sustentable

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, foi a encargada de pronunciar o pregón inaugural da XXVIII Festa do Mexillón de Moaña. Na súa intervención, a responsable autonómica puxo en valor o vínculo indisoluble entre Moaña e a actividade marítima. “Dicir Moaña é pensar inmediatamente no mar, nun mar que leva séculos alimentando familias, creando riqueza con moito esforzo e escribindo historias de valentía”.

Villaverde lembrou que na vila converxen a pesca, o marisqueo, a acuicultura, a industria transformadora e os estaleiros dentro dunha mesma cadea mar-industria de referencia. Nese sentido, tivo un recoñecemento especial para as bateeiras e bateeiros: “Detrás de cada mexillón que chega á nosa mesa hai moitas mans curtidas polo salitre, mans que saben agardar e que nunca lle perderon o respecto ao mar”, asegurou.

A titular de Mar lembrou o papel pioneiro da localidade no desenvolvemento da miticultura galega ata chegar ao momento actual no que “máis de 3.300 bateas debuxan as nosas rías”.

Villaverde agradeceu a invitación á Asociación de Mulleres de Moaña —entidade organizadora do evento— e destacou o esforzo solidario e a constancia das súas integrantes para manter viva unha das grandes citas gastronómicas e populares da comarca.

Tras o pregón, o patio do CEIP Reibón acolleu a degustación do bivalvo preparado ao vapor, en escabeche ou en salsa de vieira, co obxectivo de superar o récord histórico das cinco toneladas consumidas e recadar fondos para a programación social e cultural que a asociación desenvolve ao longo de todo o ano.

Comparte este artigo