O BNG súmase ao malestar veciñal contra a nefasta xestión de Telmo Martín

adminON
Lectura mínima de 6

Os nacionalistas critican a incapacidade do Goberno local do Partido Popular, que se fixo patente durante todo o verán, co rural abandoado, servizos deficitarios, problemas de multas e de estacionamento e espazos públicos en moi mal estado

O Bloque sinala que a mobilización do 8 de agosto, con centos de persoas, en favor do persoal municipal, ou o enfado da veciñanza de Bordóns pola ocupación da Praza Pública e da Casa de Cultura son só dúas consecuencias “dunha política de formigón e cemento na só contan as bandeiras azuis e os intereses do alcalde e non os da cidadanía”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo fixo este mércores un balanzo da xestión levada a cabo polo Goberno municipal do Partido Popular ao longo da tempada estival que está a piques de rematar. Un verán no que a veciñanza deixou patente o seu malestar contra “a política nefasta de cemento e formigón de Telmo Martín”, quen, lonxe de velar polos intereses e pola seguridade da veciñanza, volveu poñer por diante os seus propios intereses e a súa incapacidade de diálogo, o que derivou nun verán cheo de incidencias e deficiencias en diferentes servizos.

Suciedade, problemas de estacionamento, queixas polo exceso de multas en lugares coma Portonovo ou falta de mantemento de contedores e unha maior frecuencia na recollida do lixo son algúns dos problemas que traslada a cidadanía ao BNG. “Estamos a piques de finalizar agosto e en todas estas semanas o Concello non foi quen de reparar ou substituír recipientes do lixo que levan desde hai meses en mal estado ou que non funcionan debidamente, tanto en zonas do rural como en lugares céntricos como a calle Progreso ou a avenida de León”, advirten os nacionalistas, que tamén lamentan a falta de mantemento en pistas municipais, espazos públicos, áreas recreativas ou lugares de interese, como poden ser a senda dos muíños de Dorrón ou o paseo fluvial situado nas proximidades do polígono de Nantes.
“Estes dous son bos exemplos do ‘modus operandi’ do señor Telmo Martín, que consiste en anunciar proxectos e obras e, unha vez quitada a foto de rigor, deixar eses lugares abandoados por completo”, critica Fran Leiro.

Este verán, indican desde o BNG, será recordado como o verán no que a veciñanza dixo basta á xestión de Telmo Martín. A maior proba foi a mobilización celebrada o pasado 8 de agosto na Praza dos Barcos, convocada para amosar rexeitamento contra a situación que está a atravesar boa parte do persoal municipal, empezando polos e polas profesionais do Servizo Municipal de Emerxencias. Centos de persoas participaron nunha manifestación que “marcará un antes e un despois”, augura Leiro, que salienta que “en ningún outro concello se ten producido unha mobilización social tan contundente contra a xestión dun Goberno local, o que deixa en moi mal lugar a Telmo Martín”.

Neste sentido, desde o Bloque denuncian que, lonxe de tratar de solucionar o problema, o alcalde segue tensando a corda co Servizo de Emerxencias. “A súa incapacidade para sentarse a negociar e a súa prepotencia están por riba da seguridade da veciñanza”, afirma Leiro, que recorda que durante o verán os profesionais víronse na obriga de facer gardas con dous ou un só integrante, incumprindo de xeito sistemático a sentenza que establece que o número mínimo de traballadores operativos neste servizo é de tres. Especialmente grave é o feito de que isto se producise nun verán marcado pola terrible vaga de incendios que asolaron boa parte de Galicia. “Para Telmo Martín é máis importante o seu ego que axudar a outros concellos a evitar que as lapas causen un desastre”, denuncia Fran Leiro.

A mobilización do 8 de agosto non foi a única protesta veciñal en contra do alcalde. Os nacionalistas tamén fan mención á oposición de veciños e veciñas de Bordóns contra a ocupación da Casa de Cultura e de parte da Praza Manuel Cortés dun negocio privado, algo que se realizou co beneplácito do Concello e sen que ningunha asociación ou particular da parroquia fose informada. Precisamente, o BNG recorda que no Pleno do pasado mes de xullo solicitou unha copia do suposto convenio que o Goberno local asinou co responsable dese negocio. A día de hoxe, esa documentación aínda non foi entragada, o que “é unha mostra máis da falta de transparencia e das trabas constantes que Telmo Martín pon á oposición á hora de realizar o seu traballo”.

En definitiva, Sanxenxo está a piques de rematar un dos peores veráns en canto a xestión municipal se refire, con problemas nos servizos, mobilizacións de protesta e un abandono completo e lamentable de espazos públicos e do rural.

Comparte este artigo