O BNG de Meaño consegue aprobar catro mocións clave nun intenso pleno

adminON

Este pasado xoves 31 de xullo celebrouse un pleno municipal en Meaño no que se aprobaron catro mocións presentadas e defendidas polo BNG, aínda que con distintos niveis de apoio das demais forzas políticas:

* Repulsa ao xenocidio do pobo palestino.

O BNG defendeu con firmeza unha moción de condena ao xenocidio en Palestina, que suscitou críticas por parte do PP e Meaño Independiente. Aínda así, logrou avanzar grazas ao voto favorable do BNG e a sorprendente abstención das outras dúas formacións

* Benestar animal:

A moción para instaurar a Lei de Benestar Animal no concello aprobouse por unanimidade, aínda que non sen debate. A concelleira do BNG deixou claro que “os cans e gatos sen dono teñen un responsable: o concello, que debe asumir o seu coidado”.

* Demanda dunha segunda ambulancia medicalizada para o Salnés.

Esta foi a moción con maior consenso, aprobándose sen debate relevante e por unanimidade. O Pleno de Meaño demanda unha segunda ambulancia na comarca, e oponse a que se quite do hospital do Salnés.

* Moción de urxencia polos lumes: moratoria do eucalipto, prevención de incendios e medios de extinción.

O BNG levou a debate unha moción de urxencia tras os devastadores incendios que queimaron máis de 70 hectáreas no concello de Meaño esta semana. A formación nacionalista esixiu un cambio no modelo forestal colonial, defendendo unha moratoria indefinida das plantacións de eucalipto para romper co monocultivo actual e comprometendo ao goberno municipal a crear políticas activas de prevención, sensibilización e posta en valor do monte veciñal e comunal, en colaboración cos axentes sociais e ambientais da zona.

Aínda que o alcalde se opuxo a esta medida, argumentando que “ten que haber de todo no monte”, a concelleira do BNG, Rosana Domínguez recordoulle que “o que hai é un dominio do eucalipto, non diversidade”. A moción aprobouse co único voto favorable do BNG e a abstención do PP e Meaño Independiente.

Un pleno marcado pola tensión e a firmeza do BNG

O BNG de Meaño foi a forza que liderou o debate, ocupando a maior parte do tempo na defensa das súas propostas. A formación nacionalista mostra a súa satisfacción pola aprobación das súas mocións, pero destaca as abstencións do PP e de Meaño independente, tanto a hora de buscar políticas efectivas para acabar cos lumes, como coa mostra da solidariedade internacional co pobo palestino, manténdose cunha pasividade inexplicable ante o xenocidio televisado dun pobo enteiro.

Por último a concelleira do BNG presentou varias preguntas para que a alcaldía dese resposta a temas importantes como son os postos que aínda están sen cubrir no cadro de persoal. O auxiliar administrativo e os operarios encargados para diferentes tarefas diarias seguen centrando o debate dos últimos plenos. Tamén preguntou sobre o mal estado no que se encontraba o entorno onde a Asociación Cultural Penaguda organiza o seu tradicional festival a finais de Xullo. Por outra banda, o BNG esixiu a información que solicitou por rexistro sobre a Festa do Verán que se organizou en Dena.

O BNG critica, que nesta parte dos plenos ordinarios, onde se da resposta ás diferentes demandas da veciñanza, o alcalde empregue de maneira reiterada a evasiva e a pouca transparencia nas súas respostas ás cuestións que se presentan, dificultando así, o traballo da oposición.

Comparte este artigo