Rego reafirma na Arousa o compromiso do BNG coa defensa firme dos intereses dos galegos e galegas en Madrid
Xabier Rodríguez lembra o traballo do BNG nas Cortes do Estado para que a macrocelulosa de Altri non recibise fondos públicos e non se instalase na Galiza
“Se fomos quen de frear a supresión das paradas de autobús, seremos quen de recuperar e reforzar os servizos ferroviarios tamén en Vilagarcía” avanza Prado
O Bloque Nacionalista Galego realiza en Vilagarcía de Arousa un acto coa veciñanza para trasladar de primeira man o traballo desenvolvido pola organización nacionalista nas Cortes do Estado e poñer en valor os avances conseguidos en beneficio da Galiza. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado polo portavoz municipal do BNG, Xabier Rodríguez, e pola deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Montse Prado, pon en valor o conseguido.
Durante o encontro, Néstor Rego destaca que, por vez primeira, se está a desenvolver un plan para a implantación do servizo de proximidade ferroviaria na Galiza, que contempla catro liñas de servizo de proximidade e unha liña complementaria de ancho métrico. “Trátase dun fito histórico que pon fin a unha discriminación prolongada no tempo, xa que a Galiza, malia contar con masa crítica suficiente e características semellantes a outros territorios, carece até agora deste servizo esencial” apunta o deputado nacionalista.
No ámbito das infraestruturas, Rego subliña tamén as novas rebaixas para as persoas usuarias recorrentes da AP-9. “Hai que agradecer ao PP que sigamos pagando por usar esta autoestrada” ironiza, “mentres que é grazas ao BNG que hoxe a AP-9 conta con descontos de até 75%”. Ao mesmo tempo, reafirma o compromiso da organización nacionalista para poñer fin á “estafa legalizada” que supón a prórroga concedida polo Goberno de Aznar, exercendo toda a presión política necesaria para lograr unha “AP-9 galega e libre de peaxes”.
No plano social, o deputado do BNG lembra que a suba das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC é un logro da organización nacionalista recollido no Acordo de Investidura, “mais aínda hai que continuar traballando para acadar 60% do Salario Medio”. Do mesmo xeito, pon en valor o incremento dos permisos de paternidade e maternidade até as 20 semanas, unha medida que, malia non estar totalmente cumprida, xa se sitúa en 19 semanas.
En relación coa Lei de Pesca Sustentábel, o BNG conseguiu introducir cuestións fundamentais como a elaboración dun Catálogo de Enfermidades Profesionais das persoas traballadoras do mar; promover, mediar e favorecer a consecución de convenios colectivos que garantan condicións laborais dignas ás persoas tripulantes; e o estabelecemento dun procedemento telemático e/ou electrónico adaptado ás necesidades do persoal embarcado que non pode acceder ao sistema de voto por correo pola súa estancia en alta mar. “O Goberno debe cumprir estes puntos que foron incorporados polo BNG á lei” sentenza Rego.
“Conseguímolo coas paradas de bus, farémolo co tren”
A organización nacionalista, recorda a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, conseguiu que o Goberno central mantivese as paradas que pretendía eliminar ou, no caso de seren asumidas pola Xunta, que non supuxesen ningún custe para a Administración galega.
“Se fomos quen de frear a supresión das paradas de autobús e garantir que a Galiza non pagase as decisións inxustas do Estado, tamén seremos quen de recuperar e reforzar os servizos ferroviarios que nos corresponden” sinala Montse Prado.
Neste sentido, o BNG comprométese a seguir traballando para que se restabelezan todos os servizos ferroviarios suprimidos, como a liña Vilagarcía-Santiago, e para axilizar a implantación do servizo de proximidade ferroviaria en todo o país, garantindo unha mobilidade digna, moderna e adaptada ás necesidades da maioría social galega.
Defensa da terra e o mar frente á macrocelulosa de Altri
Durante o acto celebrado no Auditorio de Vilagarcía, o portavoz municipal do BNG lembra o traballo realizado pola organización para impedir a instalación da macrocelulosa no corazón da Galiza e evitar, así, unha grave afectación ambiental e económica que tería impacto directo na Ría de Arousa.
“Foi o BNG quen deu a batalla política en Madrid, quen denunciou a pretensión de que o Goberno do Estado financiase con fondos públicos unha macrocelulosa altamente contaminante e quen traballou para que se denegasen as axudas. Mentres o BNG defendía a terra, o mar e os sectores produtivos galegos, o PP mantivo sempre unha posición favorábel á instalación -chegando a actuar como comercial da empresa- e o PSOE optaba por poñerse de perfil” subliña Xabier Rodríguez.

