Un total de 6 quendas foron acomodando ás persoas que se inscribiron previamente na OMIX da Lama para participar nesta actividade incluída no programa do Verán Cultural.
Case que 200 persoas participaron na xornada de piragüismo posta en marcha polo Concello da Lama, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) no río Verdugo e que contou coa coordinación técnica e organizativa do Club de Piragüismo Vilaboa.
Os participantes, provistos obrigatoriamente de chaleco salvavidas e supervisados por monitores do Club de Piragüismo de Vilaboa, participaron, ao final en 6 quendas corridas desde as 17 horas, para facilitar un acceso máis organizado e equitativo entre as persoas rexistradas previamente nesta actividade na OMIX.
Os monitores espuxeron aos participantes os distintos modelos de piragua e diferenzas existentes coas canoas. Tamén explicaron as principais técnicas para facer máis eficiente a palada na auga. Durante a xornada, estiveron presentes o alcalde da Lama, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya.
A praia fluvial de Ponte Verdugo conta con zona arborada, espazos de sol e de sombra, mesas e todo tipo de servizos, así como unha serie de melloras realizadas para mellorar o acceso a persoas con mobilidade reducida e con problemas de visión que fan deste lugar un dos preferidos non só dos residentes e visitantes da Lama senón doutros municipios limítrofes.
O éxito deste evento confirman que esta actividade pioneira na comarca do Verdugo-Oitavén é unha cita obrigada do verán para os veciños e veciñas da Lama e os seus visitantes xa que lles permite un maior goce do tempo libre familiar e favorece tamén a interrelación xeracional a través da práctica de actividades saudables e de encontro coa natureza.

