O Concello de Nigrán celebra un pleno infantil e xuvenil para conmemorar o día mundial do Medio Ambiente

adminON
Lectura mínima de 3

A sesión estivo formada por 16 representantes de cada centro educativo do municipio e o alcalde e a concelleira de Educación para tomar nota das súas peticións

A temática do pleno foi elixida previamente polo Consello de Participación Infantil e Xuvenil

O Concello de Nigrán acolleu este mediodía un pleno infantil e xuvenil protagonizado por representantes de todos os centros educativos do municipio (Primaria, Secundaria e Bacharelato agás o Colexio Estudio, que non puido asistir por problemas de axenda). A temática da sesión foi o coidado do medio ambiente, tal e como previamente se decidira no Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello de Nigrán ao coincidir ademais coa semana do día mundial do Medio Ambiente, o 5 de xuño. Os voceiros de cadanseu centro expuxeron as súas preocupacións e propostas ante o alcalde, Juan González, e a concelleira de Educación, Estela Pérez.

As peticións da rapazada centráronse na promoción da reciclaxe e compostaxe en cada colexio, aspecto que o propio alcalde se comprometeu a incluír desde o vindeiro curso. Ademais, mostráronse preocupados polo aumento de poboación durante o verán e as implicacións que iso conleva: desde un aumento do lixo a problemas de aparcamento ou suciedade nos baños da praia, polo que apelaron á responsabilidade individual de cada un para coidar a nosa contorna. A mobilidade en bicicleta foi outra das cuestións abordadas, polo que o propio alcalde lles explicou o Plan Vía-Bici do Concello para facer camiños seguros cara o centro urbano, os colexios ou a praia.

“Tomamos notas das peticións porque todas son moi sensatas e lles informamos de cuestións que descoñecían e que reclamaron, como a existencia dun ‘Banco Municipal de Xoguetes’ en Nigrán ou a próxima renovación dos baños das praias máis obsoletos”, resume o alcalde, Juan González.

A edil de Educación, Estela Pérez, explicou aos asistentes ao pleno que todos poden sumarse ao grupo de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán e, nese sentido, aproveitou a ocasión para despedir a Martín Rey, voceiro do IES Val Miñor e membro do Consello de Participación Infantil. “Ao cumprir a maioría de idade os membros teñen que dar relevo a outros representantes. Estamos moi agradecidos a Martín polo seu compromiso neste tempo, o seu traballo foi esencial para por en marcha o consello”, sinalou.

Comparte este artigo