- A pregoeira e madriña preside tamén o I Xurado Científico de Acienciacerta, que completan a farmacéutica Celia Diz e o enxeñeiro industrial, Julio Sánchez
A segunda xornada da I Mostra de ciencias na rúa do Porriño ACIENCIACERTA arrancou hoxe co pregón da madriña, Verónica Salgueiriño Maceira. “Verónica é a primeira muller científica homenaxeada, a primeira de moitas”, indicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “E a primeira tiña que ser, por suposto, unha porriñesa”.
A pregoeira mostrouse emocionada e “honradísima de estar hoxe aquí e poder vincular a ciencia con todo o que aporta, co que nos facilita a vida e tamén a alguén coma min, unha rapaza de Pontellas. Non me cabe máis orgullo no peito que estar hoxe aquí”.
O seu discurso foi seguido atentamente polo público que ateigaba a praza, entre o que se atopaban os/as nenos/as que participaban cos seus proxectos na mostra. Un pregón reivindicativo que tocou aspectos relevantes como a igualdade na ciencia, a aposta pola investigación e a necesidade de coidar a educación pública.
Foi coa educación co que comezou o seu pregón, apelando a que “é o unico recurso que temos para poder acceder a un ascensor social” e por iso “temos que protexela”. Salgueiriño agradeceu “á comunidade educativa que fai que funcione, e eu estou agradecidísima porque son un exemplo”. “Eu son unha rapaza do rural, filla de pais obreiros que fixeron un gran esforzo para que puidera acceder a unha educación superior, pero ese esforzo non sería suficiente se non contamos cun sistema público de educación”.
No tocante ao social, a pregoeira quixo reivindicar tamén a igualdade e a importancia de estar vixiantes para lograr unha igualdade real. Puxo como exemplo a Marie Curie, “unha investigadora brillantísima, gañadora de dous Premios Novel, e que pese aos seus logros científicos, a pesar das súas capacidades, sufríu a discriminación de xénero”.
Verónica quixo explicar á rapazada o seu traballo no CINBIO, o centro de investigación da Universidade de Vigo, que ten tamén un stand nesta feira. “Eu ademais de ser profe na universidade gago investigación no CINBIO, onde se traballa en Nanomateriais e Biomediciña. Para que me entendades eu intento producir materiais magnéticos moi pequenos para que nalgún momento poidamos meter no corpo humano para resolver problemas de saúde”, explicou, “E para iso fai falta unha financiación basal, neste caso da Xunta de Galicia á que agradezco ese respaldo, porque as institucións permiten que poidamos facer investigación relevante en Galicia”.
O momento máis emotivo chegou ao final, cando no seu pobo e ante a súa xente a científica porriñesa agradeceu á “miña nai, miña naiciña..como dicía Rosalía, porque foi quen todos os días da miña vida me dicía que estudiara. E funcionou, estudiar é o camiño para formar parte desta sociedade e aportar cousas aos demais. Tamén lembrar, como di a canción de Pink Floyd “How I wish you were here”, Diego, como me gustaría que estiveras aquí”.
Nesta primeira xornada teñen moita importancia os centros educativos da vila. Cada un deles, conta cun stand na rúa onde defenderán os seus proxectos ante a veciñanza e ante o xurado científico, formado pola madriña, Verónica Salgueiriño, a farmacéutica, Celia Diz, e o enxeñeiro industrial da CTAG, Julio Sánchez. Eles, co voto ponderado do público, elexirán esta tarde cal é o proxecto gañador.
Cada centro pertence a un equipo, co seu escudo e imaxe, que recordan as casas de Hogwarts.

