A orde publicada o 31 de maio impide que as agrupacións de concellos soliciten que se subvencione o servizo, como desde a Mancomunidade se fixo sempre
“O anuncio chega moito máis tarde do habitual, pero se aínda por riba é neste sentido resulta incrible. A Mancomunidade xa tiña unha consignación orzamentaria para os socorristas e facelo agora individualmente é imposible en termos de tempo”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán lamenta o “despropósito” da Xunta de impedir que, por vez primeira, a Mancomunidade do Val Miñor poida optar á subvención anual para o servizo de vixilancia, rescate e salvamento de praias. Así o recolle a nova orde publicada no DOGA do 31 de Maio, que limita esta solicitude de axudas aos municipios individualmente, non agrupados.
“O anuncio do DOGA chega moito máis tarde do habitual, pero se aínda por riba é neste sentido resulta incrible. A Mancomunidade xa tiña unha consignación orzamentaria que se complementaba coa axuda da Xunta para os socorristas, e facelo agora individualmente para optar á subvención é imposible en termos de tempo”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que os prazos para facer unha modificación orzamentaria impedirían que o 1 de xullo puidese estar operativo o servizo. Por este motivo, a única solución que atopan Baiona e Nigrán é iniciar o proceso de contratación desde a Mancomunidade e asumindo que non se pode optar á subvención.
“O que non ímos a facer é deixar as praias sen vixilancia por falta de axudas, suporá un custe extra para Mancomunidade e arcas municipais co que non contabamos pero non queda outra porque o primordial, sempre o dixemos, é a seguridade dos nosos areais”, considera o rexedor, quen recorda neste sentido o gran labor de Protección Civil, servizo que tamén depende da Mancomunidade.
Ata o de agora, os Concellos de Nigrán e Baiona solicitaban esta axuda á Xunta a través da Mancomunidade, o que obrigaba a contratar a persoal desempregado desde o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e, como o número de socorristas sempre resultaba insuficiente, a continuación se contrataban nun procedemento aberto ao persoal interesado. Así, o número total para cubrir folgadamente Baiona e Nigrán do 1 de xuño ao 31 de agosto é de 31 socorristas e un coordinador, acadándose xeralmente un 50% a través do SPEG e, polo tanto, recibindo unha subvención da Xunta de preto de 26.000 €.
A implicación do Concello de Nigrán para acadar o número de socorristas requirido é tal que, ante a gran escaseza de candidatos nos anos anteriores a 2021, organizou de xeito gratuíto catro cursos que outorgaban o certificado preciso, conquerindo con isto que, tanto en 2022 como 2023, se cubrise o 100% da demanda.

