Esta cita celebrouse nesta tarde nas tres adegas do concello e tivo como obxectivo principal impulsar a colaboración entre restauración e adegas de Soutomaior.
Esta tarde as tres adegas do concello de Soutomaior, Quinta das Eiras, Cosecheros Reunidos e Noelia Bebelia acolleron a II Xornada Enoturística do concello organizada pola concellería de Turismo.
Para a celebración desta xornada dende a concellería de Turismo onde se deron cita unha trintena de propietarios de establecementos de restauración e do comercio local que vende albariño de Soutomaior.
Unha xornada onde tamén se presentou a marca Enoturismo de Soutomaior que ten como obxectivo englobar todas as actividades vencelladas co albariño de Soutomaior.
Para dita presentación contaron coa presenza da técnica da ruta do viño Rías Baixas, Laura Expósito, quen lles explicou o que implicaría formar parte desta ruta tanto a hostalería, comercio e como ás adegas. O obxectivo principal desta xornada foi o de fomentar a colaboración entre o sector adegueiro e a marca Albariño de Soutomaior. Desta maneira, os hostaleiros e empresarios que asistiron a esta cita dividíronse en tres grupos co fin de realizar unha degustación e unha cata en cada unha das adegas do concello e así coñecer de primeira man a calidade do produto.
A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, dixo que esta xornada “amosa que o concello está altamente comprometido, trátase dun impulso á marca Albariño de Soutomaior que forma parte da Denominación de Orixe Rías Baixas que é a subzona máis pequena e máis descoñecida da DO a pesar de que ten un grande prestixio histórico o albariño que se fixo en Soutomaior. Por resta razón pensamos que convén darlle un pulo da banda do sector da hostalería que é un baluarte dentro da nosa economía local”.
Cabe destacar que Soutomaior sempre foi considerada unha subzona propia e independente de Rías Baixas debido ao seu prestixio histórico e á singularidade dos seus viños.

