O BNG de Sanxenxo esixe a Telmo Martín que recupere o servizo de conciliación no verán que el mesmo eliminou hai varios anos

adminON

Os nacionalistas inciden na necesidade deste servizo, que antes da súa  supresión por parte do Partido Popular ofertaba 100 prazas para nenos e nenas  de diferentes idades 

Fran Leiro carga contra o Goberno local, a quen acusa de “querer recadar cartos  a base de subas de impostos só para pagar soldos máis altos e manter a política  de cemento do señor Martín” 

O grupo municipal do Bloque Nacionalista  Galego (BNG) de Sanxenxo insta a Telmo Martín a que recupere o programa  ‘Paifillonai’, a ludoteca de verán, dirixida a nenas e nenos de idades  comprendidas entre os 3 e os 12 anos, que ten coma obxectivo facilitar e  garantir a conciliación da vida familiar e laboral da veciñanza. Os  nacionalistas inciden na necesidade de volver a activar unha prestación que o  propio Telmo Martín suprimiu hai xa máis dun lustro, sen dar ningún tipo de  explicación. “Estamos a falar dun servizo que é indispensable para moitas  familias de Sanxenxo, nunha época estival na que unha gran proporción da  nosa poboación traballa e vive de sectores como a hostalería, a restauración e o  turismo en xeral”, sinala o voceiro do Bloque, Fran Leiro. 

O concelleiro do grupo da oposición critica que o Goberno do Partido Popular  deixase a centos de familias sen un servizo tan importante como o da 

img 663e8200e292f

conciliación. “É un feito especialmente grave e que sobre todo afecta a un gran  número de nais e mulleres do noso concello, a quen o alcalde castiga con esta  xestión tan lamentable. A conciliación é unha prestación básica que o Concello  debe ofrecer á cidadanía, algo que ao señor Martín parece non importalle  demasiado”, declara Fran Leiro, que sinala que “se Sanxenxo é un referente  turístico de primeiro nivel tamén ten que estar á altura no que respecta á  conciliación. Estámonos achegando ao verán e faise necesario un programa  coas prazas suficientes para dar resposta a esta demanda da nosa veciñanza”,  engade. 

Leiro lembra que o ‘Paifillonai’ prestaba este servizo no CEIP Portonovo durante  o período estival. “Funcionou moi ben, como demostra o feito de que nos  últimos anos do programa, co tripartito no Goberno e coa xestión da área de  Benestar Social que realizou a nosa compañeira Sandra Fernández Agraso,  cubríanse sempre o 100% das prazas ofertadas”, recorda o voceiro nacionalista.  “A Telmo Martín gústalle presumir de potencial turístico, pero despois esquece  ofrecer servizos á altura do que precisan os veciños e veciñas de Sanxenxo”.  Neste sentido, ao BNG parécelle de moita gravidade a merma de servizos  básicos por parte do Goberno local desde o retorno de Telmo Martín á Alcaldía.  “A política de recadación a través de subas de impostos e os intentos de  aplicación de novas taxas, como o ‘decretazo’ dos vados, vai destinada  exclusivamente a poder pagar o incremento dos soldos do equipo de Goberno e  todo o formigón e cemento que tanto caracteriza ao señor Telmo Martín e que  xa nos costou millóns de euros en sentenzas xudiciais”, conclúe Fran Leiro. 

Comparte este artigo