25 dos 100 participantes do 9º Programa Integrado de Emprego de Mos xa se atopan traballando

adminON
Lectura mínima de 4

–          Esta elevada porcentaxe de inserción laboral acádase en tan só tres meses de desenvolvemento dun programa que ten unha duración total dun ano

–          O 70% dos usuarios deste IX PIE mosense participaron ata o de agora nun total de 8 accións formativas

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Formación e Emprego, Julia Loureiro, informaron hoxe da notable porcentanxe de inserción laboral que leva acadado xa a 9ª edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos a tan só 3 meses do seu inicio (a duración total é dun ano). As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, apuntaron que “a data de hoxe e a tan só uns meses despois do seu inicio xa está o 25% de usuarios/as traballando, e esta porcentaxe irá aumentando nos próximos meses, ata acadar o obxectivo de inserción do programa, que é o 45%, ou moi probablemente sobrepasándoo como logramos en anos anteriores”.

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos, está cofinanciado pola Dirección Xeral de Formación e Orientación para o Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e nel participan 100 usuarios/as de Mos en busca activa de emprego.

Este Programa desenvolveu, dende o seu inicio a finais do ano pasado, 8 accións formativas nas que participaron aproximadamente o 70% usuarios/as. Estas accións formativas centráronse no desenvolvemento de competencias persoáis e profesionáis para o traballo en equipo, dinámicas colaborativas, ferramentas tecnolóxicas para a busca de emprego e Igualdade. Así mesmo iniciaronse as accións formativas certificadas polo Servizo Público de Emprego (SEPE) do itinerario de comercio e hostelería, en previsión de cubrir as necesidades que estes sectores van a ter nos próximos meses.

Ademais 15 alumnos/as realizaron antes de Semana Santa o curso de Operacións de Caixa (COMT012PO) e van a realizar as prácticas relacionadas con este curso en distintos supermercados e centros comerciáis de Mos.

Esta trátase da IX Edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos. E neste senso a rexedora mosense, Nidia Arévalo, salientou que “aínda que non é unha competencia municipal, unha das miñas máximas prioridades e preocupacións na xestión como alcaldesa é a inserción laboral da veciñanza en situación de desemprego, por iso quero agradecer a man tendida da Xunta de Galicia polo seu apoio incondicional a programas coma este no Concello de Mos, ás empresas pola súa colaboración e participación neles; e, aos usuarios e usuarias, animalos a seguir esforzándose e continuar formándose e realizando unha busca proactiva que, de seguro, dará os seus froitos”.

O VIII Programa Integrado de Mos, finalizado o 16 de novembro de 2023, e no que participaron outras 100 persoas, acadou unha porcentaxe de inserción superior ao 60%. Porcentaxe de inserción co que se superou o obxectivo final do programa, pois se establecía a inserción dun mínimo dun 45% das persoas participantes.

Os obxectivos dos Programas Integrados son: a mellora da empregabilidade das persoas participantes. Ser un instrumento útil para as empresas, traducido na adecuación dos perfís profesionáis para unha posible incorporación ás suas empresas. E ofrecer medidas de apoio ao participante.

Comparte este artigo