Mosquera pide ao PP “que deixe de marear con Santa Clara”

adminON
Lectura mínima de 4

O portavoz provincial do BNG advirte de que o anuncio de Rueda de que a Xunta investirá 6 millóns no convento non é vinculante legalmente posto que o documento asinado coa Deputación só é un protocolo de intencións

“Deixen de marear con Santa Clara”. Esas foron as rotundas palabras que o portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, dedicou ao goberno provincial tras coñecer que a sinatura na que participaron Alfonso Rueda e o presidente Luís López para anunciar que a Xunta investirá seis millóns de euros no convento non ten ningunha garantía formal e xurídica, dado que o texto subscrito é un simple protocolo de intencións e non un convenio vinculante.
O responsable nacionalista pediu no Pleno provincial aclaracións sobre que foi realmente o que se asinou o pasado día 26, dado que na Deputación non constaba ningunha resolución presidencial referida ao acordo coa Xunta, acto administrativo algún para a suposta sinatura, nin tampouco se fixo público o documento nin as súas particularidades: “Foi un convenio, protocolo ou un papel para dicir que se asinaba algo?”, cuestionou Mosquera.
O presidente López admitiu na sesión plenaria que o texto rubricado é un “protocolo de colaboración”, corrixindo así a afirmación de que se trataba dun convenio, tal como se fixera público dende o inicio. Mosquera amosouse abraiado ante a contestación, asegurando que, por tanto, a sinatura non implica aval ou seguridade de que se executará a achega económica da Xunta, a diferencia do que dende o PP intentaron facer crer á cidadanía “terxiversando os termos” nun acto con “pomposidade e protocolo”.
Subliñou Mosquera que hai unha importante diferencia entre os convenios, que supoñen a formalización de compromisos xurídicos vinculantes, concretos e esixibles legalmente, e os protocolos de colaboración, que son simples declaracións de intencións con contido xeral. Neste sentido, o anuncio de Rueda e López, dixo o voceiro do Bloque na Deputación, só ten validez como anuncio electoral –como o que fixo Luís Bará anunciando 10 millón de euros- co agravante de que o PP “fai uso perverso das institucións no seu beneficio electoral e partidista”.
Para o nacionalista, este novo intento de confundir á cidadanía “é un capítulo máis das voltas e da falta de seriedade con que o PP aborda as actuacións en Santa Clara e no Museo”. Lembrou Mosquera que dende a Deputación dixeron que cambiarían o estudo de arquitectura para cambiar radicalmente o proxecto anterior sen que finalmente o fixeran, ou que afirmaron que hai unha directora para o Museo cando só hai unha persoa que asumiu as funcións… “Agora din que hai un convenio coa Xunta para o financiamento de Santa Clara cando non é así, xa que non hai cartos nos orzamentos autonómicos nin tampouco compromiso legal e vinculante de poñelos. Non se axustan á verdade”, sentenzou o voceiro do BNG, polo que pediu aos líderes do PP que “deixen de marear con Santa Clara”.

Comparte este artigo