A intervención valorada en preto de 40.000 euros era necesaria para evitar que as augas do río destruísen a senda urbana.
Os traballos consisten na retirada das pedras que estaban no leito, en consolidar o terreo e colocar novas pedras para continuar o muro de contención.
O Concello de Pontevedra iniciou esta semana a reparación do muro de contención da canle do río Gafos no tramo urbano. Trátase de reparar a caída das pedras do muro que poden chegar a provocar que as augas do río saían do seu leito e afecten a senda urbana.
A intervención estase a realizar entre a entrada da avenida da estación e o acceso por Ponte Boleira, próximo á ponte de madeira que conecta a senda coa traseira do antigo ximnasio Budo.
Debido as fortes riadas dos últimos anos, a auga do río foi derrubando as pedras do muro que o canalizaban neste tramo, e existía o perigo de que acabasen afectando á senda e a invadisen. Ante esta situación, o concelleiro de Servizos Urbanos básicos, que xestiona os parques e xardíns da cidade, Xaquín Moreda acordou priorizar esta intervención por riba de outras no tramo urbano do Gafos.
As obras teñen un custe aproximado de 40.000 euros e consisten en retirar as pedras (de gran tamaño) que estaban no leito do río, limpar e compactar a zona e colocar novas pedras para garantir que o río non saía da súa canle.
A intervención realízase tendo en conta o espazo natural urbano no que se atopa, polo que se emprega pedra do país para reparar a canle. Ademais, son traballos complexos xa que o Gafos leva moita agua en inverno e as crecidas afectan a estes traballos.
Mentres se realizan as obras, o Concello ten pechado este tramo da senda durante os vindeiros días.
Cabe lembrar que hai case un mes, o Concello abría a pasarela peonil de madeira baixo a avenida da
Estación para conectar coa avenida Josefina Arruti. Tamén está pendente o tratamento da senda de xabre no tramo urbano que se realizará cara a primavera, unha vez que mellore o tempo, así como a reparación das pontes e da iluminación, como primeiras medidas de conservación.

