O Concello de Salvaterra de Miño anuncia que dende este luns 15 de xaneiro e ata o
31 de xaneiro todos aqueles que queiran participar como comparsa ou carroza no
Enterro da Lamprea 2024 que se celebra o 17 de febreiro, deberán inscribirse no
Concello de Salvaterra de Miño, a través de Sede Electrónica as Asociacións e de
Rexistro ou sede electrónica as agrupacións.
Neste desfile poderán inscribirse todas aquelas Comparsas e Carrozas, que cumpran
os requisitos. Só se poderá inscribir unha comparsa ou carroza por asociación ou
persoa. As modalidades son categoría de Carroza aquelas carrozas que teñan como
mínimo 25 participantes e unhas dimensións mínimas de 5 m de largo e categoría
de Comparsa as que teñan un mínimo de 20 membros.
As comparsas ou carrozas deberán gardar unha unidade temática tanto no seu
vestiario coma na súa actuación. Non se considerarán como comparsas ou carrozas
con dereito a inscrición e participación aquelas que en anos anteriores repetiran, no
sustancial, o seu disfrace.
Os premios a participación oscilarán entre os 100 e os 600 euros, dependendo da
categoría e da cantidade de participantes.
Dende o Concello queren recordar que todas aquelas persoas que queiran participar
no enterro de forma persoal e non a través dunha carroza ou comparsa poden facelo
dentro da propia comitiva da defunta lamprea, formando parte do grupo de
Choronas que acompañan a lamprea, de loito riguroso.
Un ano máis, o desfile que percorrerá as principais rúas de Salvaterra de Miño sairá
ás 17:00 horas dende a rúa Rosalía de Castro para rematar na Praza do Concello.
As bases e información relacionada pode consultarse xa na web do Concello.

