Mos impulsa a igualdade cun escape room no CEIP Mestre Martínez Alonso

Redacción
Lectura mínima de 2

O CEIP Mestre Martínez Alonso acolleu esta mañá unha actividade innovadora para traballar a igualdade no ámbito educativo a través dun escape room temático, unha proposta que combina aprendizaxe, participación e reflexión crítica.

Baixo o título “O regreso da Pirata Silenciada”, a iniciativa implicou ao conxunto da comunidade educativa do centro, que participou activamente no deseño e desenvolvemento das probas, involucrando a todos os cursos. A través desta dinámica, o alumnado abordou cuestións clave como a identificación de estereotipos, os micromachismos e o coñecemento de referentes históricos da igualdade, mediante probas que incluíron código morse, programación, actividades de lóxica, gravación de podcast e propostas de robótica, cun enfoque centrado no ODS 14.

A actividade contou coa presenza do concelleiro de Igualdade, Leo Costas, quen puxo en valor “a importancia de traballar a igualdade de maneira transversal no ámbito educativo, con ferramentas que impliquen ao alumnado e favorezan a reflexión crítica”.

Esta acción forma parte da programación municipal vinculada ao 8M, que se desenvolveu ao longo das últimas semanas con distintas iniciativas de sensibilización.

Dende o Concello destacouse especialmente a implicación do CEIP Mestre Martínez Alonso, tanto polo traballo previo desenvolvido como pola participación activa do alumnado e do profesorado ao longo de todo o proceso.

Como recoñecemento a este labor, o centro contará cunha actuación de pequeno formato —musical, teatral ou de clown— durante a súa festa de fin de curso.

Comparte este artigo