O BNG da Estrada denuncia o estado no que quedaron distintos tramos da estrada PO-213 tras as últimas actuacións realizadas pola Xunta, que se limitaron a parchear os baches existentes sen acometer unha mellora integral do firme.
A formación nacionalista lembra que o pasado ano se asfaltou correctamente un tramo desta vía, especialmente nas zonas máis deterioradas, como as que coinciden co trazado do rally, onde se levantou o firme e se aplicou un novo asfaltado en condicións, mellorando notablemente a seguridade e a calidade da circulación.
Porén, o resto da estrada, que xa presentaba deficiencias importantes e que conecta núcleos como Arnois e Ponte Ulla, foi obxecto recentemente dunha actuación claramente insuficiente. Neste caso, a intervención limitouse a cubrir baches de maneira puntual, deixando a vía nun estado irregular, con múltiples imperfeccións e sen resolver os problemas de fondo.
Desde o BNG lembran que esta actuación xa fora reclamada en varias ocasións, incluíndo a presentación de emendas aos orzamentos da Xunta nas que se solicitaba unha mellora integral da PO-213 neste tramo. Neste sentido, valoran positivamente que finalmente se interveña na estrada, pero consideran que o traballo realizado non está á altura do necesario.
“Non abonda con parchear. Hai que actuar como se fixo no tramo do rally: levantar o firme e asfaltar de novo, garantindo unha vía segura e en condicións para a veciñanza”, sinalan desde a formación nacionalista.
O BNG da Estrada insiste en que seguirá reclamando unha actuación completa nesta estrada, que permita solucionar de maneira definitiva os problemas existentes e evite actuacións provisionais que, lonxe de mellorar a situación, contribúen ao seu deterioro a medio prazo.

