A parroquia de Guizán acolleu onte unha charla informativa sobre a limpeza obrigatoria de fincas, organizada pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Mos a petición da Asociación Veciñal Miliario de Guizán, que contou cunha destacada participación veciñal.
A sesión foi impartida por Juan Vidán, xefe do servizo provincial de SEAGA, quen explicou as principais novidades do novo convenio de xestión de biomasa, así como os cambios introducidos neste convenio anual.
Durante a charla, abordouse tamén o reforzo das tarefas de inspección por parte da Xunta de Galicia nas franxas secundarias, co obxectivo de garantir o cumprimento da obriga de limpeza antes do 31 de maio, unha medida clave na prevención de incendios forestais.
A xornada tivo, ademáis, un carácter práctico, xa que se mostrou ao público o funcionamento do visor dixital que permite ás persoas propietarias comprobar se as súas parcelas están incluídas en franxas secundarias e se cumpren coa normativa vixente.
Repoboación
Como novidade, informouse de que aquelas persoas propietarias que realicen a limpeza das súas fincas en franxas secundarias poderán solicitar este ano especies frondosas para a súa repoboación. Estas solicitudes deberán tramitarse a través do Concello, que será o encargado de canalizalas ante a Xunta de Galicia.
Desde a Concellería de Medio Ambiente valorouse moi positivamente a elevada participación veciñal, destacando o interese da cidadanía por cumprir coa normativa e contribuír á prevención de incendios.

