O alcalde de Portas inspecciona os traballos de humanización e mellora de seguridade viaria levados a cabo no cruce de Lantaño

Redacción
Lectura mínima de 3

O Concello e a Deputación de Pontevedra destacan o investimento de máis de 48.000 euros nunha actuación clave para reforzar a seguridade e a mobilidade, especialmente para o alumnado do CEIP Domingo Fontán

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e a deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro Anta, acompañados polo tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, supervisaron hoxe o remate das obras de humanización e mellora da seguridade viaria no cruce de Lantaño, na estrada EP-8004 (Caldas de Reis–Vilanoviña).

A actuación, cun investimento de 48.352,48 euros financiados pola Deputación de Pontevedra, permitiu transformar un punto especialmente sensible da parroquia, no que se rexistraban problemas de visibilidade e manobras complexas, nun espazo máis seguro, accesible e funcional para a veciñanza.

Os traballos incluíron a reorganización da circulación para mellorar o campo visual dos condutores, a redución de manobras perigosas e a optimización dos fluxos de tráfico nunha das conexións máis utilizadas da zona. Ademais, levouse a cabo unha mellora integral da parada de autobús, coa reubicación da marquesiña existente para permitir a subida e baixada de pasaxeiros fóra da calzada.

Durante a visita, o alcalde, Ricardo Martínez, salientou que “con esta actuación damos un paso importante na mellora da seguridade viaria en Lantaño. Falamos dunha intervención moi necesaria que non só ordena o tráfico, senón que tamén protexe á nosa veciñanza e, de maneira especial, aos nenos e nenas do CEIP Domingo Fontán que utilizan a diario este servizo”.

Pola súa banda, a deputada Belén Cachafeiro destacou “a colaboración institucional como clave para facer realidade proxectos que melloran a vida das persoas. Esta actuación é un exemplo claro de como investir en infraestruturas locais significa apostar por unha mobilidade máis segura, sostible e adaptada ás necesidades reais dos concellos”.

O tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, incidiu en que “esta obra responde a unha demanda veciñal e supón unha mellora evidente nun punto estratéxico da parroquia”.

Co remate destas obras, o Concello de Portas reforza o seu compromiso coa seguridade viaria e coa mellora das infraestruturas nas parroquias, avanzando cara a un modelo de mobilidade máis segura e eficiente para toda a cidadanía.

Comparte este artigo