O BNG esixe a substitución a tempo completo do médico no Centro de Saúde de Meaño

Redacción
Lectura mínima de 2

Denuncian que a lista de agarda en medicina de familia se aproxima ao mes de espera

Un dos médicos de cabeceira do Centro de Saúde de Meaño atópase actualmente de baixa sen que se teña procedido á súa cobertura completa; unha situación que xa se dera hai unhas semanas, cando o facultativo tampouco foi substituído e os pacientes estiveron sen médico arredor dun mes.

A falta de substitución por parte da Consellaría de Sanidade está a impedir que os pacientes poidan solicitar cita a través da aplicación Sergas Móbil -xa que a axenda do doutor está pechada-, quedando sen atención sanitaria ordinaria. Ademais, esta situación provoca unha forte sobrecarga na axenda da outra doutora que presta servizo no centro -quen debe asumir en solitario a atención das urxencias e algunhas consultas de pacientes non asignados-, dificultando unha atención axeitada.

A lista de agarda neste centro aproxímase ao mes para conseguir cita en medicina de familia. Esta demora é inaceptable para o BNG de Meaño e evidencia o desmantelamento da sanidade pública do goberno do PP da Xunta, que empurra á cidadanía cara á sanidade privada para poder ser atendidas.

A veciñanza leva tempo trasladando as súas queixas no propio centro de saúde, sen que se teña dado unha solución efectiva por parte da administración sanitaria. O BNG meañés considera inadmisible que esta problemática se manteña no tempo sen medidas que garantan unha cobertura sanitaria digna.

Por todo isto, o BNG de Meaño insiste na necesidade de que a Consellaría de Sanidade proceda á substitución inmediata e a tempo completo do médico de baixa, co obxectivo de minimizar as molestias á veciñanza e garantir un acceso normalizado á atención sanitaria no Centro de Saúde de Meaño.

Así mesmo, aseguran que continuarán a loitar a carón das veciñas e veciños para reclamar as medidas necesarias ata que se resolva esta situación.

Comparte este artigo