O concello de A Lama reforza a defensa ambiental fronte aos proxectos eólicos no municipio

Redacción

O goberno local interveu en preto dunha decena de expedientes vinculados a parques eólicos e ás súas infraestruturas de evacuación asociadas.

O Concello da Lama vén desenvolvendo nos últimos anos un intenso labor de análise, seguimento e posicionamento técnico en relación cos proxectos de enerxías renovables que afectan ao termo municipal, co obxectivo de reforzar a protección do medio ambiente e a defensa dos intereses da veciñanza.

Nun contexto de crecente presión sobre o territorio, o goberno local interveu en preto dunha decena de expedientes vinculados a parques eólicos e ás súas infraestruturas de evacuación asociadas. Para cada un destes proxectos, elaboráronse informes técnicos detallados que avalían con rigor as posibles afeccións ambientais, territoriais e sociais.

Este traballo levouse a cabo co apoio de asistencia técnica especializada, en colaboración coa empresa Tysgal Medioambiente, o que permitiu reforzar a capacidade municipal para afrontar expedientes complexos con maior solvencia. Entre os aspectos analizados destacan a afección a hábitats e biodiversidade, o impacto paisaxístico, a fragmentación do territorio e as posibles repercusións sobre os núcleos de poboación e as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.

Como resultado deste labor, o Concello emitiu informes técnicos e prestou apoio na formulación de alegacións, trasladando ás administracións competentes tanto a posición institucional como as preocupacións da cidadanía.

O alcalde da Lama, David Carrera, subliñou que “desde o Concello estamos a facer un seguimento exhaustivo de todos os proxectos que afectan ao noso territorio, defendendo con rigor técnico e responsabilidade os intereses da veciñanza e a conservación do noso patrimonio natural”. Ademais, engadiu que “a transición enerxética é necesaria, pero debe realizarse de maneira ordenada, sostible e respectuosa co medio rural”.

Na actualidade, boa parte dos expedientes continúan en fase de avaliación, á espera da correspondente Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Mentres tanto, o Concello mantén unha posición activa e vixiante nos procedementos administrativos.

Con esta liña de actuación, o Concello da Lama reafirma o seu compromiso cun modelo de desenvolvemento equilibrado, no que a transición enerxética avance da man da conservación do territorio e do benestar da poboación.

Comparte este artigo