O concello de Portas cumpriu coa tradición e honrou a San Pedro Mártir en Lantaño cunha misa, procesión e un concerto da banda

Redacción
Lectura mínima de 3

O tenente de alcalde Alfonso Vázquez e as concelleiras Chus Fontán, Ana Peña e Julia Tarrío encabezaron a comitiva que tras saír da capela foi do Cruceiro do Culebrón ao de Paredes e regresou acompañada do santo, o Nazareno e a Virxe das Dores

O Concello de Portas cumpriu un ano máis co compromiso de honrar a San Pedro Mártir cunha misa, unha procesión e un concerto da Banda de Música Unión de Lantaño, que foi acompañado por numerosos veciños que se deron cita diante da capela.

O bo tempo acompañou aos veciños e veciñas de Lantaño para que puideran honrar a San Pedro Mártir nunha concurrida procesión entre os cruceiros do Culebrón e de Paredes, á que acudiron o tenente de alcalde Alfonso Vázquez, as concelleiras Chus Fontán, Ana Pena e Julia Tarrío e o xuiz de Paz, Rafael Cotelo Pazos, así como a Banda de Música Unión de Lantaño.

Unha vez rematada a Misa Solemne no interior da Capela de San Pedro Mártir, a procesión partiu desde as inmediacións do Cruceiro do Culebrón formada por veciños e devotos que acompañaron ás imaxes do santo, o Nazareno e a Virxe das Dores no percorrido ata o de Paredes onde os participantes deron a volta acompañados pola Banda de Música Unión de Lantaño ata concluir de novo fronte ao templo relixioso.

Tras finalizar a procesión, a Banda de Música Unión de Lantaño amenizou a xornada cun concerto no que interpretou seis pezas moi coñecidas do seu habitual repertorio. A continuación, e como marca a tradición, os asistentes compartiron un aperitivo a base de empanada e polbo á feira que correu por conta do Concello, tal e como se recolle no acordo de cesión da Capela que obriga á autoridade municipal a homenaxear a San Pedro Mártir cunha misa e unha festa na honra do Santo para toda a veciñanza.

CAPELA BARROCA DO SÉCULO XVIII, PATRIMONIO MUNICIPAL

Así, esta celebración enmárcase dentro do acordo de doazón da capela de San Pedro Mártir ao Concello de Portas feita polos señores Gándara Gómez e Remedios Junquera Gómez, herdeiros da familia Buceta Quintáns, mediante o cal o templo pasaba á propiedade municipal estando obrigado a administración local a promover un acto destas características na honra de San Pedro Mártir, cuestión que se fai desde o 7 de abril de 1995 data na que se materializou o paso a patrimonio municipal desta capela barroca do século XVIII.

Comparte este artigo