Concello e Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal chaman á veciñanza a participar na charla da enfermeira Pilar Rodríguez sobre a preocupante situación sanitaria en Galicia
Se a atención primaria falla toda a sanidade pública reséntese. O Rosal acollerá unha charla aberta á veciñanza para analizar a situación actual da atención primaria en Galicia e comprender as causas que levaron ao seu deterioro, nun momento especialmente sensible para o municipio.
Baixo o título ‘O plan para desmontar a atención primaria’, a sesión terá lugar o mércores 29 de abril ás 20.00 horas no Centro Social Polivalente e contará coa intervención de Pilar Rodríguez Pérez, enfermeira, membro de SOS Sanidade Pública, secretaria comarcal da CIG Saúde e presidenta da comisión de centros de atención primaria.
Durante o encontro, abordarase o contexto actual da sanidade pública galega, os cambios estruturais que afectan á atención primaria e as consecuencias que isto ten na calidade asistencial. Unha realidade que no Rosal resulta especialmente preocupante, con situacións recentes nas que hai unha soa persoa médica para atender aos máis de 6.000 veciños e veciñas, limitando a capacidade de prevención e reducindo a atención aos casos máis urxentes.
A charla pretende ofrecer información rigorosa e accesible, pero tamén abrir un espazo de diálogo e reflexión colectiva sobre un servizo esencial para o benestar da cidadanía.
O Concello do Rosal e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública fan un chamamento á participación da veciñanza nesta iniciativa, destacando a importancia de implicarse e coñecer de primeira man unha realidade que afecta directamente á vida cotiá das persoas.

