O Concello de Mos acollerá os vindeiros días 1, 2 e 3 de maio a cuarta edición da competición internacional de crosstraining “Molis Legend”, consolidada xa como unha das citas deportivas de referencia en Galicia.
O evento celebrarase no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), onde se habilitarán máis de 8.500 metros cadrados dedicados integramente á competición. Durante tres xornadas, un total de 500 atletas procedentes de España e Portugal enfrontaranse a seis probas deseñadas para medir forza, resistencia e capacidade técnica, tanto en categorías individuais como en parellas.
A competición está organizada polo Club Halterofilia Molis, con sede no municipio de Mos, e conta coa colaboración do Concello, que aposta así pola promoción do deporte e pola proxección exterior do municipio.
“Molis Legend” experimentou un crecemento sostido desde a súa creación. Na súa segunda edición, celebrada en 2024, reuniu a arredor de 400 atletas e congregou a máis de 3.000 persoas entre público e participantes, superando amplamente as previsións iniciais. Xa en 2025, na súa terceira edición, incrementouse a participación ata os 450 atletas, consolidando o carácter internacional do evento e reforzando o seu impacto económico e social na contorna.
A cuarta edición supón un novo salto cualitativo, tanto polo número de participantes como polo espazo e infraestrutura dispoñibles, situando a Mos como epicentro do crosstraining no noroeste peninsular durante esa fin de semana.
Ademais da competición, o evento contará con zonas complementarias destinadas a público e participantes, contribuíndo a dinamizar a actividade económica e hostaleira do municipio.
Con iniciativas como esta, Mos reafírmase como un referente na organización de eventos deportivos de alto nivel, capaces de atraer visitantes e xerar impacto positivo no territorio.

