Mos entrega os diplomas ao alumnado do Centro de Capacitación Dixital

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Mos fixo entrega dos diplomas ao alumnado participante nas edicións 5ª á 10ª dos cursos do Centro de Capacitación Dixital, nun acto co que se completou o recoñecemento ás persoas formadas ao abeiro deste programa.

Esta entrega deu continuidade á celebrada en xullo de 2025, na que se recoñeceu ao alumnado das catro primeiras edicións, pechando así o ciclo completo das accións formativas desenvolvidas.

Os cursos, de 30 horas de duración e cun enfoque eminentemente práctico, estiveron dirixidos a persoas interesadas en mellorar as súas competencias dixitais, tanto en situación de desemprego como en activo. A formación abordou contidos clave como a alfabetización dixital, a comunicación e colaboración en contornos virtuais, a creación de contidos, a seguridade na rede e a resolución de problemas tecnolóxicos.

O obxectivo desta iniciativa foi achegar á cidadanía as ferramentas necesarias para desenvolverse nun entorno cada vez máis dixitalizado, favorecendo a autonomía persoal, a empregabilidade e o acceso a novas oportunidades formativas.

Desde o Concello de Mos salientouse a importancia de continuar impulsando este tipo de programas, que contribúen a reducir a fenda dixital e a facilitar a inclusión tecnolóxica da veciñanza.

O Centro de Capacitación Dixital de Mos forma parte dunha rede estatal de aulas promovidas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e pola Unión Europea – Next Generation.

Comparte este artigo