Mos mobiliza 1,2 millóns de euros para transformar a contorna da igrexa de Sanguiñeda

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Mos aprobou en Xunta de Goberno Local o expediente do proxecto de mellora integral da contorna da igrexa de Santa María de Sanguiñeda, unha actuación que mobilizará un investimento de cerca de 1,2 millóns de euros.

A intervención financiarase maioritariamente con 900.000 euros procedentes do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, mentres que o Concello asumirá o resto con fondos propios.

O proxecto permitirá a reordenación de máis de 2.200 metros cadrados de espazo público no núcleo de Piñeiro, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, reforzar a mobilidade peonil e recuperar este ámbito como espazo de convivencia veciñal. 

A actuación transformará un espazo actualmente ocupado en gran medida por vehículos nunha praza peonil de uso veciñal, con tráfico restrinxido a vehículos autorizados e novas zonas de estancia.

Entre as principais actuacións destacan a reordenación completa do espazo público, a renovación de pavimentos, iluminación e servizos urbanos, a creación de zonas verdes e mobiliario urbano, o soterramento de infraestruturas así como o desenvolvemento dun itinerario peonil accesible ata a avenida de Sanguiñeda 

Ademais, construirase un novo local social de uso veciñal, con espazos polivalentes e dotacións accesibles.

En paralelo a esta actuación, o Concello de Mos traballa xa na habilitación de alternativas de estacionamento no contorno, co obxectivo de dar resposta ás necesidades veciñais derivadas da reordenación do espazo.

Unha decisión de investimento

O Concello subliña que esta actuación responde á prioridade de mellorar a calidade de vida nos núcleos rurais, apostando por espazos máis accesibles, seguros e pensados para as persoas.

O proxecto dá resposta a déficits detectados na mobilidade peonil e na accesibilidade nunha contorna con equipamentos como a igrexa, o local social ou o cemiterio. 

As obras terán un prazo estimado de 10 meses.

Comparte este artigo