Mos prepara a licitación da reforma do campo de Louredo

Redacción
Lectura mínima de 2

Recibe financiamento da Deputación, que se engade aos 200.000 euros da pasada edición de Mos Decide

O Concello de Mos prepara a licitación das obras de mellora do campo de fútbol de Louredo, tras resultar esta actuación a máis votada no proceso de orzamentos participativos “Mos Decide” e contar xa co financiamento necesario para a súa execución.

Así, á achega de 200.000 euros procedente dos orzamentos participativos súmase a subvención concedida pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, o que permite cubrir o orzamento base de licitación do proxecto, situado en arredor de 370.000 euros.

O Concello de Mos xa dispón do proxecto básico e de execución redactado, no que se define unha actuación integral sobre a instalación deportiva. A intervención inclúe a renovación do terreo de xogo con céspede artificial, a execución dun novo sistema de drenaxe e recollida de augas pluviais, a instalación de rego automático con depósito propio, a mellora da iluminación mediante torres de maior altura con tecnoloxía LED e a dotación de novo equipamento deportivo.

O proxecto dá resposta ao estado actual do campo, que presenta un importante deterioro e non reúne as condicións axeitadas para a práctica deportiva, polo que a actuación permitirá modernizar a instalación e adaptala aos estándares actuais.

Comparte este artigo