O VIDOC da Policía Nacional para expedir DNI e pasaporte no acto fai parada en Mos

Redacción

A seguinte quenda será o 22 de xuño

O Concello de Mos recibiu esta mañá o Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional, un dispositivo móbil que permitiu aos veciños e veciñas tramitar e obter no momento tanto o DNI como o pasaporte sen necesidade de desprazarse a unha comisaría.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, recibiu na Praza do Concello ao comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Ramiro José Gómez García, e á inspectora xefa e secretaria xeral, Esther Arén Vidal.

Durante o encontro, os responsables policiais explicaron o funcionamento deste novo recurso, que concentra nun único punto todos os medios técnicos necesarios para a expedición inmediata de documentación oficial. A xornada incluíu tamén unha primeira proba real de servizo: ás 9:45 horas foi atendido o primeiro cidadán, que completou o trámite no propio vehículo.

O VIDOC forma parte do Plan de Identidade Dixital impulsado pola Dirección Xeral da Policía, co que se busca achegar a administración á cidadanía e eliminar desprazamentos innecesarios, especialmente en municipios sen comisaría propia. No conxunto do Estado hai xa 80 vehículos deste tipo en funcionamento, mentres que Galicia dispón de sete unidades distribuídas entre A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Este servizo estará operativo tódolos meses en Mos, sendo a seguinte data programada o vindeiro 22 de xuño, para a que xa se pode reservar cita na ligazón citapreviadni.mos.es

Ademais da expedición inmediata de DNI e pasaporte, estes vehículos incorporan puntos de actualización que permiten renovar os certificados dixitais do DNI electrónico. Na provincia de Pontevedra existen actualmente oito destes dispositivos.

Este sistema complétase coa aplicación MiDNI, regulada polo Real Decreto 255/2025, que consolida a identificación dixital como unha alternativa plenamente válida ante administracións públicas e entidades privadas desde abril deste ano.

A posta en marcha desta rede de vehículos supuxo un investimento próximo aos 15 millóns de euros, financiados con fondos europeos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Comparte este artigo