Trátase doutra mellora deste espazo, ademais da gran senda verde fluvial, que se engloba nas obras de renovación do colector do río Lameira
A renovación do colector do río Lameira non é só unha obra esencial de mellora ambiental e de saneamento, senón que tamén permite a mellora urbana de toda esta zona, dándolle unha volta total a un espazo que aínda tiña moito que ofrecer.
A inversión, que supera os 3 millóns de euros e que provén da Xunta de Galicia, está a cubrir toda esta actuación, de enormes dificultades técnicas, pero que cada vez vai avanzando máis, reubicando o colector de saneamento e liberando o cauce do Río Lameira, recuperándoo a nivel ambiental.
A fisionomía da senda verde fluvial que se vai creando ao carón do río tamén é visible case en toda a súa extensión, desde case o lavadoiro na zona que sube cara Pardavila como ata o entorno da Barriada Virxe do Carme, zona central do Río Lameira e que tamén ganará unha nova zona de lecer.
Na parcela coa que quedará cuberto o tanque de tormentas, crearase unha zona de lecer con pérgolas de sombra, elementos de descanso, zona de skate e unha pista pump truck. Esa é a proposta que ten Augas de Galicia e que respalda o Goberno local e que será unha realidade a medida que avancen os traballos.
“Con esta nova dotación de equipamento lúdico e deportivo, mantemos anatureza dunha zona verde, pero uníndoa con deporte e con ocio xuvenil”, explicou a alcaldesa, María Ramallo, que considera esta obra como unha actuación clave, coa que “conseguimos varios fitos á vez: melloramos o saneamento nesta zona, recuperamos o río Lameira a nivel ambiental e habilitamos novos espazos en lugares que ata agora aínda tiñan máis que ofrecer”.

