Torroso acolle o domingo 17 o acto “Ruada, canta e toca a Begoña Caamaño”, onde se proxectará o videoclip “Begoñísima”
O Concello de Mos presentará unha ampla programación cultural e educativa arredor das Letras Galegas 2026, dedicada á escritora e xornalista Begoña Caamaño e á promoción da música e das tradicións populares galegas entre a mocidade do municipio.
A programación contará con actividades nos centros educativos en sendas actividades da man do Conservatorio Profesional de Música de Mos e do grupo Malvela e da cantante Uxía Senlle.
Deste xeito, un dos eixos principais da programación será a homenaxe a Begoña Caamaño a través da actividade educativa “Homenaxe a Begoña Caamaño. Presentación ‘Begoñísima’ Uxía Senlle e Malvela”, dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria. A proposta, que se realizará o 14 de maio no Multiusos das Pozas a partir das 11.00 horas, combinará literatura, música, memoria e participación interxeracional para achegar ás novas xeracións a figura dunha das voces máis relevantes da literatura galega contemporánea.
Durante a sesión, o alumnado coñecerá a traxectoria vital e literaria da autora, o seu compromiso coa lingua galega, co feminismo e coa cultura do país, nun formato dinámico apoiado en recursos audiovisuais, dinámicas participativas e espazos de diálogo.
A actividade incluirá a proxección do videoclip “Begoñísima”, dirixido por Óscar Górriz, con letra e música de Uxía e arranxos de Rafa Otero, Sabela Dacal e Toño Prieto. A peza forma parte do Libro-CD Indómitas: Nove ondas a Begoña Caamaño e foi gravada, entre outras localizacións, na Biblioteca e exteriores do Pazo de Mos e conta coa patrocinio do Concello de Mos.
Uxía Senlle, que actuará no acto, e as Malvela explicarán ademais ao alumnado o significado da canción, o proceso creativo e a importancia de manter viva a memoria de referentes culturais e feministas como Begoña Caamaño.
A programación completarase con actividades interxeracionais nas que alumnado e persoas maiores compartirán música, lecturas e experiencias vinculadas á lingua e á memoria colectiva.
Xunto a esta homenaxe literaria, o Concello de Mos impulsa tamén o programa educativo “As nosas Tradicións”, destinado ao alumnado de 1º de Primaria dos centros educativos de Mos, co obxectivo de achegar aos máis pequenos a música e o baile tradicional galego.
O obradoiro será impartido por profesorado da Escola de Música e do Conservatorio de Mos, concretamente por Xosé Oliveira, gaiteiro e percusionista, e Aurora, pandereteira e mestra de baile tradicional. Durante as sesións, o alumnado poderá coñecer instrumentos tradicionais como a gaita, a pandeireta, a zanfona, o bombo, as tarrañolas ou as cunchas, descubrindo os seus sons e a súa importancia dentro da tradición musical galega.
Os escolares aprenderán tamén cantigas populares como “Videira de Santa Marta” e iniciaranse nos pasos básicos da muiñeira tradicional, nunha actividade deseñada para fomentar a participación, a convivencia e o coñecemento do patrimonio cultural galego dende as primeiras idades.
Como peche da programación das Letras Galegas, o domingo 17 de maio ás 11:30 horas o Centro Dotacional de Torroso acollerá o evento “Ruada, canta e toca a Begoña Caamaño”, unha homenaxe colectiva organizada polo Centro Recreativo Cultural de Torroso e o Concello de Mos.
No encontro participarán Ruada Folk, o Coro Setestrelo, as Cantareiras de Sobreira e o Grupo de Baile Ruada, nunha mañá dedicada á música, ao baile tradicional e á memoria da escritora homenaxeada. Ademais, durante o acto proxectarase tamén o videoclip “Begoñísima” de Malvela e Uxía Senlle, incorporando á celebración esta homenaxe audiovisual creada arredor da figura de Begoña Caamaño. Malvela confirma a súa asistencia ao evento para a devandita presentación.
Dende o Concello de Mos subliñan que esta programación busca converter as Letras Galegas “nunha experiencia viva, participativa e próxima á mocidade”, reforzando a transmisión da lingua, da música e da identidade cultural galega entre xeracións.

