A alcaldesa de Mos supervisa a mellora do comedor escolar do CEIP de Atín e a remodelación do acceso principal do CEIP Mestre Martínez Alonso
O Concello de Mos continúa avanzando na mellora dos espazos educativos do municipio con actuacións en diferentes centros escolares, apostando por infraestruturas máis modernas, accesibles e adaptadas ás necesidades da comunidade educativa.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada da concelleira Julia Loureiro, visitou o CEIP de Atín coincidindo coa celebración da Romaría dos Maios, unha xornada organizada pola comunidade educativa na que o alumnado participou en xogos tradicionais e obradoiros, organizando tamén un mercado artesanal impulsado polo alumnado de 6º curso para recadar fondos destinados á súa excursión de fin de etapa.
Durante a xornada, familias, alumnado e profesorado compartiron unha celebración marcada pola convivencia, a tradición e a participación de toda a comunidade educativa.
Aproveitando a visita ao centro, a alcaldesa visitou as actuacións realizadas no comedor escolar do CEIP de Atín. Entre as melloras executadas destacan a instalación de illamento acústico para reducir o ruído, a renovación da iluminación, a reforma dos baños, melloras para favorecer a entrada de luz natural, novo vinilo decorativo adquirido polo colexio, e todo o mobiliario novo, adquirido pola ANPA.
Estas actuacións permiten crear un espazo máis confortable, funcional e adaptado ás necesidades do alumnado e do persoal educativo.
O Concello de Mos continúa ademais executando actuacións noutros centros educativos do municipio, como no CEIP Mestre Martínez Alonso, onde se levaron a cabo obras de mellora na entrada principal e na contorna exterior do centro.
Entre as intervencións realizadas destaca a colocación de lousa de pedra no acceso principal, as melloras no xardín e o arranxo da zona do parque.
Desde o goberno local subliñan que estas actuacións forman parte do compromiso municipal coa mellora continua das infraestruturas educativas. Neste sentido, o Concello está a desenvolver diferentes actuacións de mantemento, acondicionamento e modernización no resto dos centros educativos do municipio, atendendo ás necesidades trasladadas polas direccións dos colexios e polas ANPAS para seguir creando espazos máis seguros, cómodos e funcionais para toda a comunidade escolar.

