O Concello de Mos continúa avanzando na organización de “Mos baixo as estrelas”, unha xornada astronómica, cultural e divulgativa que se celebrará o vindeiro 12 de agosto de 2026 en Herville coincidindo co eclipse total de Sol visible desde Galicia.
A iniciativa, impulsada pola Concellería de Medio Ambiente, converterá este enclave do municipio nun espazo de encontro arredor da ciencia, a cultura e a lingua galega, cunha programación pensada para todos os públicos.
O evento incluirá durante toda a xornada charlas divulgativas sobre o eclipse e a astronomía, obradoiros infantís, actividades participativas, espazos informativos, observación segura do eclipse con gafas homologadas e explicacións guiadas por especialistas.
A programación continuará pola noite cunha proposta festiva e cultural que incluirá concertos, zona gastronómica e observación das Perseidas, coñecidas popularmente como as “Lágrimas de San Lourenzo”.
Entre as actuacións musicais previstas destaca a presenza do grupo Pa Ti Na Má, que participará na programación nocturna do evento.
As persoas asistentes recibirán ademais un pack de benvida con materiais divulgativos en galego relacionados coa astronomía e a observación do eclipse.
Desde o Concello subliñan que o obxectivo desta proposta é aproveitar un fenómeno astronómico excepcional para promover a divulgación científica en galego e crear unha experiencia aberta á participación de familias, mocidade e persoas afeccionadas á astronomía.

