Mos avanza na posta en marcha da Escola Infantil do Rebullón coa adxudicación do mobiliario

Redacción

O proceso de licitación da xestión do centro xa está moi avanzado

O Concello de Mos continúa dando pasos para a apertura da nova Escola Infantil do Rebullón, prevista para o vindeiro curso escolar, coa aprobación da adxudicación do mobiliario do centro e co avance do proceso de licitación da súa xestión.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación do contrato de subministración do mobiliario da escola infantil á empresa Secretario S.L., despois de que catro empresas presentaran oferta ao procedemento de licitación.

A actuación está financiada ao abeiro do Convenio entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Mos para o financiamento de dito equipamento.

En paralelo, segue tamén aberto o proceso de licitación do servizo de xestión da escola infantil, aprobado recentemente polo Concello. A nova escola infantil do Rebullón entrará en funcionamento no mes de setembro e permitirá incorporar 41 novas prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, reforzando os recursos municipais destinados á conciliación da vida familiar e laboral.

O contrato de xestión inclúe a atención educativa e o funcionamento integral do centro. Entre os criterios de valoración terán especial relevancia tanto a oferta económica como o proxecto educativo presentado polas entidades licitadoras.

O proxecto da escola infantil do Rebullón contou cun financiamento da Xunta de Galicia superior aos 700.000 euros e supón unha das principais actuacións impulsadas no municipio en materia de atención á primeira infancia.

Comparte este artigo