- A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou a Feira Galega de Artesáns da Estrada, impulsada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) no marco da colaboración co Goberno autonómico para celebrar 12 encontros ata setembro
- Participan un total de 13 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, especializados na marroquinería, na bixutería, en instrumentos musicais, no téxtil e en bonequería
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata a Feira Galega de Artesáns da Estrada, que se celebra coincidindo coa LII Festa do Salmón. Na feira, que estará aberta hoxe en horario de 11,00 a 21,00 horas, participan 13 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e especializados na marroquinería, na bixutería, en instrumentos musicais, no téxtil e en bonequería.
En concreto, trátase dos obradoiros Mar.e.arte (Lalín), Mica (Bertamiráns), Joiasos (Ames), Noga Arts Joyería Artesanal (Santiago de Compostela), Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), Ana Aguín Design (Portonovo), Jerolas (Curtis), Alumearte (Marín), Montse Betanzos (O Grove), Casperlota Atelier (Paderne), Chueco (A Coruña), Artesanía El Colibrí (O Rosal) e Adanegra Téxtil (A Guarda).
A Feira Galega de Artesáns está organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) co patrocinio da Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia e forma parte dun calendario de feiras de venda directa que se van desenvolver en diferentes localidades ata o mes de setembro, protagonizados exclusivamente por profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Esta colaboración realízase a través dun convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e AGA co obxectivo de impulsar a comercialización do produto artesán galego, consolidar a marca Artesanía de Galicia e dinamizar o comercio e o turismo en diferentes localidades.
Ata o de agora xa se realizaron feiras en Ferrol, Padrón, San Sadurniño, Ribadavia e Oroso e están confirmadas en Ribadeo (do 19 ao 21 de xuño), en Foz (do 3 ao 5 de xullo), en Ribeira (os días 20 e 21 de xullo) e en Ponteareas, os días 5 e 6 de setembro.
O obxectivo dos eventos é achegar o produto artesán galego á sociedade, consolidar a marca Artesanía de Galicia, a dinamización cultural, económica e turística de cada zona e ofrecer ás persoas artesás un espazo de venda directa de calidade en diferentes zonas.

